Cuntis ampliará a rede de abastecemento no lugar de Vilabar
Por Redacción
O Concello de Cuntis anunciou a súa intención de ampliar a rede de abastecemento de auga municipal para dar servizo o lugar de Vilabar de Abaixo, na parroquia de Troáns.
Con esta actuación búscase mellorar a capacidade de subministración de auga potable aos veciños deste lugar, que actualmente carecen de sistema de traída pública. Deste xeito preténdese cubrir este servizo básico con auga procedente da rede de abastecemento municipal, mellorando as condicións hixiénicas e o control dos caudais consumidos.
Nesta parroquia xa existe rede municipal de abastecemento pero quedou a altura das primeiras vivendas do lugar.
Agora con esta obra continuarase ampliando o trazado da rede municipal e conseguirase o obxectivo de dar servizo a todas as vivendas que o solicitaron. Todo iso cun investimento de 20.000 euros que inclúe a colocación dunha arqueta no punto de conexión coa rede existente.
O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, acompañado polo concelleiro de Medio Ambiente, Martín Álvarez, visitou o lugar das obras para presentar o proxecto aos residentes, destacando que se trata "dunha actuación moi importante para os veciños" coa que se reforza a aposta "para continuar dotando o rural de novos servizos".