Piden que Cabo Udra sexa declarada zona de seguridade libre de caza
Por Redacción
A Asociación Ecoloxista de Bueu Anduxia e a Asociación Micoloxica Naturista Liboreiro enviaron unha carta á Xefatura de Medio Ambiente de Pontevedra solicitando que Cabo Udra sexa declarado como zona de seguridade, o que prohibiría a práctica da caza.
Segundo argumentan estes colectivos entre as zonas de caza catalogadas no municipio de Bueu atópase a Zona de Especial Conservación (ZEC) Cabo Udra, que forma parte da Rede Natura 2000 e que supón un espazo natural de especial relevancia que atrae a multitude de visitantes, especialmente durante as fins de semana e festivos.
Ademais a zona forma parte da Senda Litoral de Bueu e nela atópase o Centro de Interpretación da Natureza de Cabo Udra.
"Isto motiva que se mesturen as actividades dos cazadores coas dos excursionistas co grave risco de que suceda algún accidente", sinalan no seu escrito, unha situación que se agrava en Nadal ao ser unha data incluída como período de caza e coincidir cun incremento de visitas de familias, nenos incluídos.
Anduxia e Liboreiro pide por tanto a inclusión deste espazo na lista de zonas de seguridade establecidas na Lei de Caza de Galicia, o que na práctica supoñería prohibir o exercicio da caza e tamén circular con armas cargadas. Fano baseándose, sinalan, no "principio de precaución" para garantir a integridade das persoas.