O alumnado do colexio Xunqueira II deseña carteis de apoio ao comercio local
Por Redacción
O tenente de alcalde e concelleiro de Educación, Tino Fernández, achegouse este venres ata o CEIP A Xunqueira II para comprobar o "excelente resultado" da cartelería realizada polo alumnado do colexio co obxectivo de apoiar e poñer en valor o comercio local e de fomentar as compras de Nadal nas tendas da nosa cidade.
A campaña creativa, que conta coa colaboración das áreas de Educación e de Promoción Económica do Concello de Pontevedra, foi impulsada dende a Anpa do centro educativo e logrou implicar a nenos de tódolos cursos de Infantil e Primaria, dende os 3 anos ata Sexto de Primaria, traducíndose no deseño dunha trintena de carteis mediante o software Canva.
Entre as mensaxes que se poden ler nesta cartelería hai lemas como 'Este Nadal vén mercar, xa verás como che vai gustar!', 'Este Nadal Pontevedra é a nosa tenda!', 'O mellor Nadal no comercio local', 'Cando pensas mercar... Merca no comercio local', 'O pequeno comercio, que grande', 'Merca na boa vila, deixa a túa pegada' ou 'Imos aos pequenos comercios xa!'.
O tenente de alcalde, que estivo acompañado pola directora do colexio, María José Pereira, e a directiva da Anpa Carolina Souto, amosouse "absolutamente marabillado e emocionado tanto pola calidade e o contido destes magníficos traballos como polo enxeño dos alumnos".
"Parécenos unha idea excelente, que serve para potenciar e axudar ao comercio local nestes momentos tan difíciles. As administracións debemos fomentar que este Nadal se converta nunha oportunidade para o pequeno comercio de mellorar estes meses pasados. Hai que felicitar a profesores, alumnos e Anpa por uns carteis que expresan moi ben ese sentimento xeneralizado de que debemos axudarnos entre nós", asegurou Tino Fernández.
O edil socialista tivo a oportunidade de charlar cos rapaces de Sexto de Primaria, que lle fixeron unha batería de preguntas sobre o seu labor como responsable de Educación e aproveitaron para plantexarlle algunhas necesidades que presenta o colexio. Asemade, Fernández pasouse por unha aula de Sexto de Infantil para visitar aos seus alumnos polo bosquexo que inspirou un dos carteis da campaña.
Segundo explicou Carolina Souto, que traballa nun comercio local, a iniciativa "xurdiu do xeito menos esperado", a raíz dunha conversa familiar cunha mestra da Coruña na que a directiva da Anpa lle comentou a situación de medo e incerteza pola que están a atravesar e a docente lle informou un proxecto semellante que se ía desenvolver no seu colexio.
"Os nenos están acostumados a traballar con Canva, que é un programa informático que utilizan nas aulas de Plástica, polo que naceu a idea de facer lemas e carteis por equipos. Propúxenllo aos meus compañeiros da Anpa e, dado que hai moitos pais e nais que viven do comercio, falamos coa dirección do centro e co Concello, aos que lles pareceu unha idea estupenda", afirmou Souto.
A directiva da Anpa da Xunqueira II sinalou que os rapaces tomaron o encargo "dende o primeiro momento cunha ilusión incrible", e agora "están desexando que chegue o día de mañá para ir colocar os carteis e amosarlles aos seus amigos e familiares a achega que eles fixeron para que Pontevedra saia desta situación".