A Deputación presenta o Plan Concellos 2021 dotado de 42,5 millóns de euros
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o vicepresidente, César Mosquera, presentaron este venres en rolda de prensa o Plan Concellos para o ano 2021 que será aprobado en pleno extraordinario o día 15 deste mes de decembro.
Carmela Silva anunciou que este "plan estrela" do Goberno provincial está dotado de 42,5 millóns de euros que os concellos "deciden libremente a que os dedican" o que contrasta co modelo anterior do Partido Popular cando "a Deputación decidía o que se facía no territorio".
Silva lembrou que o Goberno provincial (PSOE+BNG) ten "un modelo de mobilidade, de desenvolvemento cultural, ambiental, de defensa do patrimonio, de aposta polo turismo sostible" pero o Plan Concellos é "o paradigma do respecto á autonomía local".
"Todos os anos facemos un esforzo para aumentar a contía e este ano faio en 300.000 euros" con respecto ao orzamento do Plan Concellos no ano anterior, indicou a mandataria provincial.
A presidenta da Deputación de Pontevedra subliñou que este plan "repártese de forma equilibrada e con criterios obxectivos" que son: superficie, poboación, núcleos e densidade.
A liña 1 deste plan, destinada a investimentos, está dotada con 30 millóns de euros. A liña 2, para amortización de créditos e pago de débedas e gastos correntes, dotada de 3 millóns de euros e a Liña 3, con 9,5 millóns de euros para destinar a emprego e conservación de bens municipais.
Unha das novidades xa foi decidida en abril, "o 20% da liña 1 pódese empregar en axudas directas aos sectores afectados pola pandemia", o que supón uns 6 millóns de euros.
Pola súa banda, César Mosquera destacou que a Deputación "está a facer un esforzo de axuda e colaboración aos concellos que supón uns 75 millóns de euros ao ano" o que inclúe a suma de prestacións como as axudas para patrimonio, o Centro de Atención aos Animais, ou o Plan Revitaliza ou o Ágora entre outras iniciativas, co que, excluíndo o capítulo de gastos de persoal "significa exactamente o 64% dos recursos desta Deputación".
"Dedicarlles máis é imposible, a colaboración cos concellos é máxima, non hai unha deputación que faga algo parecido ata estes extremos", resaltou o vicepresidente.
Carmela Silva engadiu que "cos nosos recursos garántese que os concellos poidan facer fronte ás súas necesidades".
Mosquera tamén destacou o "elevado esforzo de cohesión territorial" que supón o Plan Concellos xa que "canto máis pequenos son os concellos, máis euros por habitante reciben".
O vicepresidente sinalou que isto sucede desde 2015 cando o Partido Socialista e o BNG chegaron ao goberno provincial. Segundo concretou, o Plan Concellos de media pode chegar a representar ata o 25% do seu orzamento municipal posto que "os concellos de menos de 10.000 habitantes reciben 117 euros por habitante". Neste plan destínanse a estes concellos uns 20,3 millóns de euros e desde o ano 2016 xa recibiron 117 millóns.
En canto aos concellos de entre 10.001 e 20.000 "levan 68 euros por habitante" de todo o plan estes concellos van recibir en conxunto 14,3 millóns, mentres que aos municipios de máis de entre 20.001 e 50.000 destínanse uns 44 euros por habitante, de maneira global son 7,9 millóns de euros.
Carmela Silva comunicou que este venres a Deputación enviou unha carta aos concellos "para que saiban que van ter máis recursos que en 2020 e para que poidan planificar a súa actividade".
Relacionadas:
-
O Plan Concellos 2020 impulsou 429 obras e creou 912 postos de traballo
Por Oskar Viéitez |
-
2020 remata con 47 concellos da provincia adheridos á compostaxe do Plan Revitaliza
Por Redacción |
-
A Deputación liquida o Plan Concellos do 2020 cunha última repartición de fondos
Por Redacción |
-
O Pleno provincial aproba o Plan Concellos e o convenio de Mollavao
Por Oskar Viéitez |
-
O PP condiciona o seu apoio ao Plan Concellos a que a Deputación aumente o investimento
Por Oskar Viéitez |