Anuncian concentracións do sector do Metal para forzar á patronal a continuar negociando o convenio provincial
Por Redacción
UGT, CIG e CCOO anuncian o inicio de actos de protesta para que a patronal retome as negociacións do convenio provincial do sector do metal. Os representantes sindicais sinalan que levan once reunionres para discutir os termos do acordo e a negociación non avanza.
O vindeiro xoves 10 de decembro está prevista unha concentración de delegados sindicais diante da sede de Asime, patronal galega deste sector, que está acompañada por Atra e Instalectra na negociación, que abandonaron, segundo os sindicatos, sen mostrar vontade para o diálogo. No caso de Pontevedra terá lugar diante da sede da Asociación de Empresarios da Pequena e Mediana Empresa ás 11:00 horas e en Vilagarcía de Arousa o lugar escollido é a casa sindical, na rúa Castelao, 2, tamén ás 11:00 horas.
Este convenio afecta a 30.000 traballadores, que reclamaban unha revisión salarial do 1% o primeiro ano e do 2% no segundo e mellores condicións laborais. Por contra, os representantes sindicais denuncian que desde a patronal téntanse eliminar conquistas da parte social conseguidas en anos anteriores como evitar recorrer ao persoal contratado por empresas de traballo temporal salvo para a cobertura de baixas, vacacións ou permisos. Os empresarios están en desacordo alegando as perdas que están a asumir pola crise económica actual.
Desde CIG, UGT e CCOO denuncian que a patronal quere aproveitar a situación de crise para gañar tempo e evitar a negociación deste convenio cunha duración bianual. Asime, Atra e Instalectra abandonaron a negociación coa intención de non retomar as conversas ata 2021 e o convenio actual finaliza este mesmo ano.