As restricións horarias e de aforo fan inviable a reapertura da hostalería en Pontevedra
Por Manu Otero & Mónica Patxot
A hostalería volve abrir este venres despois dun mes pechada, pero en Pontevedra a maioría dos enreixados seguirán baixados. As restricións de aforo, o límite de horario ata as 17 horas e o temporal que azoutará a capital das Rías Baixas esta fin de semana acabaron por convencer á maioría dos empresarios do sector, contentos por poder recuperar a actividade pero molestos porque as medidas impostas na cidade do Lérez impiden que o negocio sexa rendible.
"É imposible non perder", asegura Jacobo Barragáns, dono do Mulligans e un dos portavoces da plataforma de afectados pola covid. A súa empresa é unha das innumerables que seguirán pechadas en Pontevedra mentres non se flexibilicen as restricións.
Populares bares e restaurantes como A Gramola, o PintxoViño, Cervexaría El Bruc, Moma ou a Taberna Zentola comunicaron xa que tampouco pensan abrir nestas circunstancias. "Non abrimos porque perdemos diñeiro. O 50 % da terraza e só ata as 17 horas parece unha broma", afirma incrédulo Ángel Sorey, propietario por agora de cinco locais na cidade, aínda que está convencido de que algún dos seus acabará pechando de forma definitiva como consecuencia desta crise.
En moitos casos, poñer en funcionamento os locais supón un incremento considerable dos gastos que non compensarán con só unas poucas mesas de terraza. "Nós só podemos montar tres mesas fóra, e se abrimos o local teremos que acender todas as luces e a cociña. Estamos a pensar e decidindo coa xestoría que compénsanos máis", explican desde o Barallocas.
Existe outro motivo de peso que inclina a balanza cara ao mantemento do peche. Abrir as portas supoñerá a renuncia a unha parte das axudas que a Xunta puxo ao dispor do sector. Moitos empresarios aínda non teñen claro o contido da letra pequena da liña de subvencións e da orde de reapertura para esta fin de semana. Novamente as consultas ás xestorías están disparadas, pois o futuro de moitos negocios depende destas axudas. Por iso, moitos esperarán uns días para abrir, outros xa teñen decidido non facelo ata que se amplíe o horario de peche.
"Temos moitísimas ganas de volver vervos e unha necesidade imperiosa de traballar, pero polo momento permaneceremos pechados xa que non estamos de acordo coas medidas que nos obrigan a acollernos, considerándoas moito máis prexudiciais para o noso negocio", recolle o comunicado conxunto emitido pola Gramola e o PintxoViño nas súas redes sociais.
Non só en Pontevedra son máis numerosos os que manterán pechadas as súas portas, en Marín e Poio tampouco están moi convencidos da viabilidade dos seus negocios con estas restricións. Por iso, restaurantes tan frecuentados como o Asador o Remo ou o Tintanegra permanecerán pechados ata que a situación sexa máis favorable.
Un dos poucos que si abrirá o venres as súas portas é a Vinoteca Envero. "Nós xa estamos co delivery, por iso imos abrir", resume o propietario Jacobo Rodiño, desexoso de recuperar o contacto directo cos seus clientes, aínda que é consciente de que non é a mellor das solucións. "Será un complemento máis", sostén consciente da caída dos ingresos desde o inicio da pandemia. Tamén a tapería O Cruceiro, nas Cinco Calles, volverá montar esta fin de semana a súa terraza.
A situación é límite e a moitos pequenos bares non quedará máis remedio que abrir. "Hai algúns que van abrir porque o necesitan", admite Barragáns. "Hai hostaleiros que están a vivir ao día e non teñen nin para comer, están a pedir axuda", engade Sorey para poñer en evidencia a magnitude da crise que están a atravesar os hostaleiros.
Para deixar constancia da delicada situación que atravesa o sector, Hoempo (Asociación de Hostaleiros Empresarios de Pontevedra) organizou este xoves unha caravana polas rúas de Poio, Pontevedra e Marín. Decenas de traballadores do sector participaron nesta marcha, que se une ás manifestacións de cada luns e ás caceroladas dos venres.
A súa petición principal é que lles permitan traballar con normalidade, "como a supermercados ou comercios", pide Sorey, membro de Hoempo. Pero lembran que as axudas son imprescidibles para salvar a un sector vital na economía española. "Pedimos que as axudas da Unión Europea se canalicen cara á hostalería e o turismo", apunta o empresario a tese que defenderá Hoempo durante a súa intervención este sábado no programa A Sexta Noite, da Sexta.
Relacionadas:
-
'Operación Rescate Hostelería' completa a súa primeira etapa e obtén a solidariedade do alcalde de Cerdedo-Cotobade
Por Redacción |
-
Once hostaleiros peregrinan a Madrid para chamar a atención sobre a "ruína" do sector: "estamos hasta las pelotas"
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
Os hostaleiros marchan de novo polas rúas de Pontevedra contra as medidas da desescalada
Por Manu Otero |
-
A sede de terraza dos pontevedreses pode máis que o frío ou a choiva
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
Apelan á "responsabilidade cidadá" para que a curva de contaxios non aumente antes de Nadal
Por Redacción |
-
A Xunta planea unha desescalada por fases para a hostalería que empezaría con aforos reducidos e apertura ata as 17 horas
Por Manu Otero |
-
Berro desconsolado de auxilio da hostalería en Pontevedra: "Estamos mortos"
Por Manu Otero & Mónica Patxot |