A toniña xa aparece recollida no BOE como especie en perigo de extinción
Por Redacción
A toniña, Phocoena phocoena, cambiou a súa catalogación desde esta semana cando o BOE publicaba a resolución na que o Ministerio de Transición Ecolóxica considera que esta especie afro-ibérica se atopa en perigo de extinción.
Desde a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA), unha ONG galega dedicada ao estudo e á conservación destas especies, sinala que durante case 30 anos investigaron estes animais que se poden observar nas Rías Baixas, en ocasións en grupos de 20 individuos, pero normalmente en colectivos máis pequenos formados por menos de catro exemplares.
O colectivo xa solicitara en 2007 a consideración do cambio de categoría que tiñan as toniñas, o de especie vulnerable, polo de en perigo de extinción. Pero tiveron que pasar 13 anos para que o cambio aparecese reflectido no Boletín Oficial do Estado.
Desde o CEMMA considérase que esta nova catalogación é unha mala noticia polo que significa para a especie pero era esperada e necesaria para que exista unha maior sensibilización cara estes animais.
Alertan que moito destes exemplares falecen por captura accidental por parte dos barcos pesqueiros e para reducir este problema, a organización protectora mantén un traballo de colaboración coa administración e co sector pesqueiro.
No caso de que algún particular atópese con algunha toniña varada debe poñerse en contacto co servizo de Emerxencias do 112 para que se poña en coñecemento dos técnicos especializados.
Relacionadas:
-
O lobo mariño 'Rube' recupérase na Illa de Arousa tras quedar atrapado nun aparello de pesca
Por Oskar Viéitez |
-
O CEMMA alerta da entrada en tempada de varamento de lobos mariños nas praias e pide colaboración cidadá
Por Redacción |
-
Rescatan un exemplar de cachalote pequeno en Vilaboa
Por Redacción |
-
Piden á cidadanía que avise o 112 en canto vexa algunha situación anómala de cetáceos na ría
Por Redacción |