A Xunta activa a alerta laranxa por temporal costeiro
Por Oskar Viéitez
A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Primeira da Xunta vén de activar unha alerta laranxa por temporal costeiro no litoral galego.
Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o fenómeno meteorolóxico adverso costeiro dará comezo este xoves ao mediodía na Mariña lucense e no noroeste e oeste da provincia de A Coruña, que pola tarde se estenderá á costa de Pontevedra e ao suroeste do litoral coruñés con ventos do oeste ou do noroeste de forza 7 ou 8 e mar combinada do noroeste con ondas de ata 8 metros.
Pola tarde se estenderá á costa de Pontevedra
Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.
A Xunta lembra a importancia de manterse afastados da liña de costa, isto é, de diques, rompentes, espigóns, peiraos, praias, paseos marítimos, e todas aquelas zonas que poidan ser varridas polo mar, co fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou obxectos. Tamén se aconsella extremar as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e revisar os cabos e amarres das embarcacións.
Ademais, aconséllase a suspensión das actividades pesqueiras e marisqueiras como medida preventiva naquelas zonas máis perigosas.
MeteoGalicia completa a previsión meteorolóxica sinalando que este xoves as altas presións retíranse cara ao oeste e deixan a Galicia na influencia dunha profunda borrasca situada ao norte das Illas Británicas, con réxime de ventos do oeste e progresiva entrada de aire frío.
Con esta situación, comezaremos a xornada cos ceos parcialmente cubertos e con chuvascos, que comezarán polo noroeste e a partir do mediodía serán probables en calquera punto da Comunidade.
A cota de neve situarase pola noite nos 1.200 metros, baixando dos 1.000 metros xa na madrugada do venres. As temperaturas descenderán entre lixeira e moderadamente, especialmente as mínimas con formación de xeadas no interior. O vento soprará de compoñente oeste moderado, con intervalos moi fortes no litoral e zonas altas na segunda metade do día.