Acordo para Noiteboa e Noitevella: ceas para dez (nenos incluídos) e toque de queda ampliado
Por Alejandro Espiño
Tras os tiras e afrouxas entre o Goberno e as comunidades autónomas, ambas as dúas partes definiron como serán finalmente o nadal en España. As medidas, segundo acordaron, serán de obrigado cumprimento e máis permisivas das que fixaba o primeiro borrador.
As comidas e ceas do Nadal poderán ter ata dez asistentes, nenos incluídos. Faise esta apreciación porque algunhas comunidades, como é o caso de Galicia, suxería que os menores de idade non foran tidos en conta á hora deste reconto.
A pesar diso, as autoridades inclúen unha "forte recomendación" de que os asistentes sexan entre membros dun mesmo grupo de convivencia ou como moito de dous.
O toque de queda decretado en toda España e que, de maneira maioritaria, comeza ás once da noite, atrasarase ata as 01:30 horas en Noiteboa e Noitevella. Será unicamente para regresar a casa. En ningún caso esta ampliación horaria poderá ser utilizada para encontros sociais. Máis aló desa hora non se poderá saír de casa, salvo por causas xustificadas.
A principal novidade, ademais de ampliar a dez os asistentes, está en que Goberno e comunidades acordaron o peche perimetral de todas as rexións españolas.
Desta forma ninguén poderá moverse entre comunidades durante todas as festas, entre o 23 de decembro e o 6 de xaneiro, salvo por motivos de reagrupamento familiar ou polas causas xustificadas que recolle o decreto de estado de alarma.
Estas medidas foron apoiadas case de forma unánime por todas as comunidades, salvo Madrid que votou en contra e Cataluña que se abstivo, na reunión do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde celebrada este mércores.
O ministro de Sanidade, Salvador Illa, explicou que estas medidas "no se toman por gusto ni para entorpecer la vida de nadie" e asegurou que en resumo trátase de que en Nadal "quedemos na casa e limitemos todos os movementos prescindibles".
Illa reiterou o seu chamamento á cidadanía para cumprir as medidas e tamén evitar aglomeracións. Ademais, pediu que os estudantes que regresan a casa para as vacacións limiten as interaccións sociais desde dez días antes.
"Nos jugamos mucho en el mes de diciembre, ha costado mucho doblegar la curva de la segunda ola y queremos mantener estos parámetros descendiendo todavía más", engadiu.
Relacionadas:
-
Pontevedra, Poio, Marín, Sanxenxo e O Grove empezarán a desescalada coas máximas restricións
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
A Xunta planea unha desescalada por fases para a hostalería que empezaría con aforos reducidos e apertura ata as 17 horas
Por Manu Otero |
-
Galicia proporá que o Nadal se limite por unidades familiares e non por persoas
Por Alejandro Espiño |
-
O Nadal que nos agarda: reunións de seis persoas e toque de queda á 1:00 en Noiteboa e Noitevella
Por Alejandro Espiño |