A alcaldesa María Ramallo recibe aos dous novos axentes da Policía Local
Por Redacción
A alcaldesa de Marín, María Ramallo recibiu este mércores aos dous novos axentes da Policía Local que se incorporan á plantilla do corpo de seguridade da vila.
Estes dous axentes superaron o seu período de formación de 9 meses en Academia galega de Seguridade Pública e realizaron as súas prácticas durante os meses de xullo e agosto na vila. A partir de hoxe, xa son funcionarios de carreira.
A alcaldesa desexoulles "todo o mellor" na súa traxectoria laboral futura na localidade e louvou o traballo da Policía Local, especialmente neste ano que está a ser moi complexo para o día a día dos axentes.
REUNIÓN COA HOSTALERÍA
Por outra banda a alcaldesa María Ramallo e a concelleira Marián Sanmartín reuníronse este mércores con representantes da hostalaría de Marín e de Hoempo, cos que trataron a situación do sector ante as medidas sanitarias e as medidas impulsadas polo Concello para poder axudar en todo o posible e de cubrir algunhas das necesidades que teñen os hostaleiros.
Unha das cuestións que se abordou e que Ramallo avanzou que será estudada por parte do Concello é a posta en marcha dun servizo para a negociación de alugueres, contando coa asesoría e a axuda dos técnicos da Cámara de Comercio.
Nos vindeiros días, Hoempo ten previsto abrir un formulario de solicitude para coñecer que hostaleiros de Marín precisan deste servizo, co que poderán saber como negociar os seus alugueres para tratar de conter o gasto.
Por outra banda, o Concello lembra que son moitas as medidas que están sobre a mesa para beneficiar a este sector, como a bonificación total da taxa do lixo durante o tempo que teñan que estar pechados, a exención total da taxa de terrazas durante o 2020 e o 2021 e a posta en marcha de programas como o Reactiva Marín, que ofrecerá bonos de formación individualizada de 45 horas a máis de 30 negocios da vila, tanto de hostalaría como de comercio.