Serviron para algo as restricións en Pontevedra, Poio e Marín?
Por Oskar Viéitez
Os concellos de Pontevedra, Poio e Marín seguen co nivel actual de máximas restricións. Así llo comunicou aos respectivos alcaldes a Xunta de Galicia á hora de anunciar os cambios nas medidas sanitarias que entrarán en vigor na medianoite do xoves ao venres.
"A verdade é que a situación non é boa", admitiu o alcalde de Poio, Luciano Sobral que expuxo abertamente que "a dúbida que me queda é se as restricións valeron para algo".
Os técnicos da Consellería de Sanidade respondéronlle que si, á vez que lle recoñecían que nestes concellos "estamos cunha taxa de incidencia bastante alta", segundo comentou Sobral.
En Poio o número de casos activos este mércores é de 64, un menos que onte martes.
En Marín mantéñense os 77 casos activos, cunha incidencia acumulada a 7 días de 94 casos, mentres que a 14 días é de 230.
A incidencia acumulada da pandemia mide o número de casos activos por cada 100.000 habitantes e disponse do dato a 7 e a 14 días.
Este mércores o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo comunicou que rompe o actual peche na área de Pontevedra e a partir do venres quedarán pechados perimetralmente a "améndoa" que conforman os municipios de Marín, Poio e Pontevedra. Só entre estes concellos haberá libre mobilidade.
Igualmente anunciou que na hostalería os locais destes tres concellos poderán abrir só as terrazas, cun 50% de aforo máximo, ata as 17.00 horas e cun máximo 4 persoas por mesa, conviventes ou non. Sobre esta medida o alcalde de Poio tamén expresou as súas dúbidas sobre a rendibilidade da apertura das terrazas dos locais da hostalería na metade do seu aforo.
O xoves Nito Sobral terá oportunidade de escoitar a opinión do sector nunha reunión con representantes da Plataforma de Hostaleiros, unha vez terminen a manifestación que van facer por Poio, Pontevedra e Marín.
Na reunión de hoxe cos alcaldes os responsables do Sergas trasladáronlles que "a incidencia hospitaliaria na comarca non é preocupante", segundo desvelou o alcalde de Poio. A alcaldesa de
Marín, María Ramallo tamén compartiu que María Ramallo, segundo o Sergas a evolución a 7 días nesta área sanitaria "é bastante boa, pero segue sendo alta".
Estes rexedores coincidiron en mandar á cidadanía unha mensaxe de prudencia e no caso de Luciano Sobral dixo que "debemos ir máis alla das restricións que nos están impoñendo".
Relacionadas:
-
Pontevedra, Poio, Marín, Sanxenxo e O Grove empezarán a desescalada coas máximas restricións
Por Natalia Puga | Creada e actualizada