Concurso de alumeado de Nadal en Figueirido para crear ambiente de festa
Por Redacción
A asociación de veciños de Figueirido decidiu organizar unha nova edición do Concurso de iluminación de Nadal para que particulares e empresas da parroquia de Vilaboa se animen a dar cor durante estas festas.
As persoas interesadas en concursar deberán inscribirse antes do sábado 5 de decembro a través do correo electrónico aavvfigueirido@gmail.com , ou chamando aos números de teléfono 658.664.686 ou 676.364.055, achegando nome, teléfono de contacto e dirección. Será necesario un mínimo de 10 participantes para que se celebre o concurso.
Aquelas persoas que se apunten adquiren o compromiso de manter a iluminación do Nadal acesa todos os días. O xurado, integrado por membros do Concello, comezarán a visitar as casas e os locais comerciais a partir do martes 8.
A asociación veciñal quere que con esta iniciativa se axude a crear un ambiente festivo durante un ano complicado. O concurso conta con dous premios, o primeiro consiste nunha gran cesta con produtos de Nadal e o segundo estará tamén integrado por un lote de produtos propios desta época do ano.
A Comunidade de Montes e o Concello de Vilaboa colaboran con este concurso e o goberno local ten previsto estender esta iniciativa a todas as parroquias do municipio no nadal de 2021.