Tres accidentes de tráfico en menos dunha hora na contorna do Pino e en Lourizán
Por Redacción
Ao redor das 09.00 horas da mañá deste mércores 2 de decembro rexistrábanse tres accidentes en accesos á cidade de Pontevedra.
Ás 09.03 horas, na PO-11 na parroquia de Lourizán, un vehículo impactaba contra a mediana nas proximidades da fábrica de Ence no acceso á autoestrada AP-9 e á variante de Marín. As persoas que viaxaban no vehículo saían polo seu propio pé. Desde o servizo de Emerxencias 112 Galicia alertaron a Urxencias Sanitarias por se era preciso atender a algún dos ocupantes.
Sobre as 09.20 horas, no nó do Pino, nas proximidades do supermercado Lidl, producíase outro accidente ao impactar dous vehículos nunha colisión por alcance, que provocaba pequenas retencións na zona.
Minutos máis tarde na outra rotonda situada no acceso á estrada de Vigo, na parroquia de Salcedo, rexistrábase outro impacto en dirección a Pontevedra no que se producían danos materiais coa rotura da lúa posterior dun dos turismos implicados. Foi necesaria a intervención de operarios do servizo de mantemento de estradas para limpar os restos do impacto da vía.
Segundo a información facilitada pola Garda Civil de Pontevedra en ningún dos tres impactos, que se producían en menos dunha hora, houbo feridos de gravidade.