A área sanitaria mantén 58 pacientes hospitalizados, oito deles na UCI, e suma 42 novos contaxios nun día
Por Natalia Puga
A presión asistencial descende lixeiramente na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, que mantén este mércores un total de 58 pacientes con covid-19 hospitalizados, catro menos que os dous últimos días. Deles, un é un home que faleceu nas últimas horas no Hospital do Salnés e os outros pacientes que recibiron a alta médica.
Segundo o último balance oficial realizado polo Servizo Galego de Saúde, hai oito pacientes na unidade de Coidados Críticos do Hospital Montecelo, dous máis que o martes, pero baixaron de 56 a 50 as persoas que están ingresadas en planta dos distintos hospitais da área sanitaria.
En concreto, hai 41 pacientes en planta de hospitalización no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, 5 no Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez Pontevedra e 4 no Hospital do Salnés.
A pesar deste descenso da presión asistencial, a área sanitaria non para de rexistrar novos contaxios. Este mércores confirmáronse 42 novos positivos.
O total de casos activos sitúase en 1.122, 15 menos que o martes, dos que 1.064 son persoas que permanecen en illamento nos seus domicilios.
Desde o inicio do plan de continxencia da covid-19 curáronse 4.383 pacientes, dos que 57 confirmáronse na última xornada, e faleceron 56 pacientes, o último este martes no Hospital do Salnés, un home de 93 anos que presentaba patoloxías previas.
En canto a realización de PCR’ s, nas últimas 24 horas fixéronse 736, que elevan a 91.451 as xa efectuadas desde o inicio da pandemia na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés .
A nivel autonómico, segundo o último balance oficial, en toda Galicia hai este mércores 7.537 pacientes coa infección activa, o que supón 109 menos que o luns. Nas últimas 24 horas confirmáronse 328 novos positivos en probas PCR.
Nos hospitais galegos hai 431 pacientes hospitalizados, dos que 364 están en planta. Outros 67 permanecen en unidades de coidados intensivos.
Ata o momento, curáronse na comunidade 44.086 persoas e faleceron 1.221.
Os servizos médicos galegos realizaron desde o inicio da pandemia 911.063 probas PCR e 424.640 probas serolóxicas.
Relacionadas:
-
Continúan descendendo os casos activos de Covid na área sanitaria tras unha xornada con 39 novos contaxios
Por Diego Espiño |
-
Unha muller de 80 años falecida en Montecelo, vítima número 57 da pandemia na área sanitaria
Por Redacción |
-
Galicia pecha as súas fronteiras ata o 9 de decembro
Por Alejandro Espiño |
-
Mozos e mozas de 15 a 24 anos, franxa de maior incidencia da covid-19 en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Nova vítima mortal como consecuencia da covid-19 no Hospital do Salnés
Por Redacción |
-
A área sanitaria volve superar os 50 novos positivos diarios de covid-19 a pesar de realizar só 558 PCR
Por Natalia Puga |