Concello e comerciantes de Cuntis reparten bonos de desconto para impulsar o comercio local
Por Redacción
Cuntis Centro Comercial Aberto (Cucova) e o Concello iniciaron este martes a repartición de 800 cheques regalo con desconto de 5 euros cada para trocar nas 40 tendas da localidade asociadas ao colectivo comercial a partir de compras superiores a 20 euros. "O obxecto da iniciativa é incentivar o consumo no comercio local durante estas datas fomentando a segunda compra", declarou o representante de Cucova, Rafael García.
"Buscamos que os negocios recompensen á súa clientela máis habitual entregándolles, tras realizar unha compra, uns vales que poden volver gastar no propio establecemento ou en calquera outro comercio asociado. Os cheques agasallo son acumulables e pódense sumar ás rebaixas e a outros descontos que se ofrezan nos comercios", engade o comerciante, lembrando que os bonos poderán trocarse ata o 15 de xaneiro.
Esta iniciativa conta co apoio económico do Concello e supón a introdución directa no tecido comercial de preto de 4.000 euros para contribuír á súa reactivación. "O pequeno comercio é dos sectores máis afectados pola situación sanitaria da COVID e, deste modo, pretendemos incentivar a súa actividade nunha das campañas anuais de máis importantes", rematou o alcalde, Manuel Campos.
Relacionadas:
-
Os votos de PSOE e Veciñanza sacan adiante o Plan de Mobilidade Urbana Sostible de Cuntis
Por Redacción |
-
Cuntis informa de que a consulta sobre a parcelaria de Troáns deberá facerse por teléfono ou na web
Por Redacción |
-
Unha sociedade estatal sondea a posibilidade de desenvolver solo industrial en Cuntis
Por Redacción |