Cerdedo-Cotobade reserva unha partida para axudas directas a autónomos e hostalería
Por Oskar Viéitez
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, anunciou durante o transcurso da celebración do Pleno ordinario da Corporación Municipal a reserva dunha partida "moi substanciosa" dos orzamentos do 2021 para adicala a axudas destinadas a paliar os efectos negativos do peche obrigado de establecementos por mor da pandemia da Covid-19.
Cubela sinalou que os orzamentos para o 2021 están a piques de rematar a súa elaboración e neles será prioritario "atender á xente, ás familias".
Precisamente o Pleno aprobou por unanimidade unha moción do Partido Socialista na que se pedía ao Concello que dote de axudas e as contemple no orzamento do 2021 para o sector da hostelería e do pequeno comercio que se poida ver afectado por esta situación.
Neste mesmo Pleno, o alcalde criticou a PSOE e BNG, "non podo entender, por moito que o intento, como o PSOE pode votar en contra e o BNG absterse de pedirlle á Deputación que se molle e destine axudas ás familias dos autónomos que o están pasando tan mal e logo teñan a cara de facer demagoxia e presentar mocións de cara á galería para que concellos modestos como o noso teñan que destinar cartos a rescatar e socorrer a esas persoas", sinalou Jorge Cubela.
Pola súa banda, o portavoz municipal do BNG, Ernesto Filgueira dixo estar "sorprendido" por estas declaracións nas Jorge Cubela "terxiversando, deixar caer que o BNG non apoia aos autónomos e pequenos empresarios, nada máis lonxe da realidade".
"O BNG o que quere é que sexan tódalas administracións dende o concello, Deputación, Xunta e Estado as que saquen liñas de axudas directas para que se reactive o tecido económico" e piden a Cubela "que non utilice a Ernesto Filgueira como peón na súa particular batalla coa administración provincial".
Filgueira engade que "ademáis de criticar a Deputación o alcalde debería levantarse contra a Xunta de Feixoo e reclamarlle facultativos en Cerdedo, pediatras para Carballedo e Tenorio, un Centro Médico digno en Carballedo pagado polo Sergas, unha matrona ... en definitiva sacar a sanidade de Cerdedo-Cotobade da UCI, situación da que Cubela tenta pasar de puntillas".
A portavoz do grupo municipal socialista, Lina Garrido manifestou que "o concello de Cerdedo-Cotobade conta cun amplo orzamento grazas ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra e o Fondo de Fusións" e por tal motivo "xa tiña que ter aberto este procedemento desde o confinamento do mes de marzo tal e como llo solicitou este grupo no inicio desta crise provocada pola pandemia".