O número de casos de covid de Pontevedra impiden saír das restricións máis duras
Por Oskar Viéitez
Este martes en Pontevedra baixa en 12 o número de casos activos no municipio ata deixar a cifra total en 309 contaxiados. Na Boa Vila hai 1.582 contactos en seguimento.
En Marín notifican este martes 75 casos activos, un menos que onte luns. No concello de Poio hai 65 casos, son 3 máis que o luns. O número de contactos en seguimento é de 299 persoas. En Sanxenxo o número de casos hoxe é de 89 (2 menos que onte), hai 261 contactos en seguimento.
Pontevedra xunto con Vigo son dous dos 90 concellos galegos que se manteñen cunha incidencia acumulada superior a 250 en 14 días, isto é, o nivel máximo que se pode alcanzar con datos publicados polo Sergas.
Precisamente este martes volve reunirse o Comité Clínico para decidir os parámetros para a nova desescalada da hostalería e, á súa vez, a que concellos afectará. Pontevedra non está ben posicionada para poder saír das restricións máis duras.
Na clasificación de datos que notifica a Consellería de Sanidade cada mañá a situación da cidade do Lérez é negativa, tanto polas súas Indices Acumulados, como polo seu número de casos novos diagnositicados a dúas semanas. Pontevedra é o único municipio que empeora os seus datos con respecto ao día anterior, sumando 3 novos casos diagnosticados en 14 días, e elevando a cifra este martes ata os 272.
A outra cara da moeda son os 68 municipios que se manteñen sen casos diagnosticados novos no últimos catorce días. Por tanto, esta cifra supón un 21,72% dos 313 concellos que conforman o mapa de Galicia. Unha cifra que aumentou con respecto ás últimas semanas, que se situaba ao redor do 19%.