Acusan unha construtora de Poio de deixar tirados en Alemaña a 14 operarios
Por Oskar Viéitez
A federación da Construción e Madeira (FCM) da CIG denuncia que 14 operarios galegos recentemente incorporados á construtora Camsoar SL, con sede en Poio, "foron abandonados pola súa empresa no rural alemán", a onde foran mobilizados a pasada semana para ocuparse da construción da infraestrutura para a instalación de rede de fibra óptica.
Segundo explican dende a FCM, nada máis comezar a viaxe os traballadores déronse conta de que algo ía mal, pois "nin sequera lles chegaron a asinar o contrato, nin lles abonaron o anticipo prometido de 400 euros por persoa para faceren fronte ao custo do desprazamento".
Tras dous días de espera, finalmente iniciaron a viaxe o mércores 25 de novembro ás dúas e media da mañá, con só 350 euros para afrontar os gastos do desprazamento dos 14 operarios nunha furgoneta e un turismo, "que só lles renderon apenas para chegar até Francia".
Tras un segundo ingreso de 300 euros, lograron chegar a Alemaña, "onde descubriron que a vivenda prometida estaba en condicións impracticábeis, así como que os traballos consistirían en cavar con ferramentas precarias un mínimo de 100 metros de zanxa ao día".
Nestas circunstancias, moitos dos traballadores decidiron abandonar o posto antes de sequera iniciar os traballos, cando descubriron que a empresa se negaba a ocuparse do seu regreso a Galicia. Desde ese momento seguen esperando nunha zona illada do rural alemán novas da súa empresa ou ben das administracións, "apoio que por agora foi nulo".
A CIG di que "nin sequera desde o consulado español se fixo nada por resolver a súa situación; ao contrario, tentaron disuadilos de denunciar publicamente a súa problemática".
"SOSPEITAS DE FRAUDE"
A CIG sinala que a empresa Camsoar foi constituida hai só dous meses, "o que fai sospeitar que foi creada especificamente para tentar executar unha fraude nesta obra". De feito, apunta a central nacionalista que as dúas persoas que aparecen á fronte desta firma "poderían ser simples testaferros, pois ao parecer quen sempre imparte as ordes de traballo e toma as decisións é unha terceira persoa, Jesús Fariña Calvo".
Diante desta situación dende a central sindical esixen a "repatriación inmediata" dos 14 empregados de Camsoar "desprazados en condicións miserábeis a Alemaña", así coma o abono de todos os gastos ocasionados ao persoal e a cotización dos salarios correspondentes aos días que permaneceron á súa disposición.