"Todas somos Paula Dapena", a presidenta da Deputación apoia á futbolista ante as ameazas que está a sufrir
Por Anxo Lourido
Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra aproveitaba este martes o acto de presentación da campaña 'Xogando aprendemos a vivir. O xogo é unha ferramenta para mudar o mundo' para manifestar o seu apoio e a súa solidariedade coa xogadora Paula Dapena, que esta fin de semana se negaba a gardar o minuto de silencio en memoria de Diego Armando Maradona.
A presidenta provincial afirmaba que Paula Dapena tivo un xesto de pensamento feminista explicando os motivos desta decisión xa que nos campos de fútbol non se gardou un minuto de silencio con motivo do 25- N polas 41 mulleres vítimas da violencia machista. Silva lamentou as ameazas "mesmo de morte" que está a sufrir a xogadora do equipo pontevedrés Viajes Interrías e alertou: "que saiban todos os energúmenos que están a atacar a Paula Dapena que non está soa. Está con todas as mulleres que están a favor da igualdade".
Continuou asegurando que "quen a dane a ela, dánanos a todas. E que todas imos estar ao seu lado. Ademais, apoiamos, aplaudimos e cremos que é unha muller valente. Sabía o que ía a significar o seu xesto e fíxoo. Estes xestos cambian o mundo", asegurou Carmela Silva na súa comparecencia expresando que "todas somos Paula".
A máxima dirixente provincial manfestou que esta mesma mañá falara coa xogadora pontevedresa para trasladarlle o apoio de todas as mulleres: "así que quede claro. Está moi acompañada porque se eses que hoxe atacan tan terriblemente xogasen de nenos con xoguetes igualitarios estarían a carón de Paula Dapena, porque estar a carón de Paula Dapena é o único decente", concluíu a presidenta lamentando que haxa homes que ameazan cando unha muller se empodera e opina sen ningún temor.
Relacionadas:
-
Paula Dapena, premiada polo seu activismo feminista: "Homes autoidentificados mulleres están a quitarnos os lugares seguros"
Por Natalia Puga |
-
A negativa de Paula Dapena a honrar a Maradona, o xesto feminista do ano que se converteu en todo un símbolo
Por Natalia Puga |
-
A futbolista Paula Dapena recibe o apoio das xogadoras do Viaxes InterRías
Por Cristina Saiz |
-
Os socialistas queren que a Xunta apoie a reivindicación feminista de Paula Dapena
Por Redacción |
-
O interese polas camisetas do Viajes Interrías dispárase tras o xesto feminista de Paula Dapena
Por Diego Espiño |
-
BNG e PSOE arroupan a Paula Dapena ante a súa negativa a homenaxear a Maradona
Por Alejandro Espiño |
-
Paula Dapena queda "con todos los mensajes de cariño y apoyo" recibidos tras negarse a homenaxear a Maradona
Por Diego Espiño |
-
O xesto feminista de Paula Dapena por Maradona, noticia en medios de todo mundo
Por Alejandro Espiño |
-
A pontevedresa que se negou a gardar un minuto de silencio por Maradona
Por Natalia Puga |