O Nadal paraliza as obras de Loureiro Crespo e atrasa as do cruzamento de Daniel de la Sota e Benito Corbal
Por Alejandro Espiño
A partir do 18 de decembro non haberá obras no centro urbano de Pontevedra. Esta decisión, segundo o goberno municipal, busca favorecer que o comercio da cidade sexa "o máis accesible posible" durante a campaña do Nadal.
A medida afectará concretamente a dúas obras, unha en execución e outra xa planificada. Trátase da reforma integral da rúa Loureiro Crespo e a nova actuación prevista no cruzamento entre Daniel e la Sota, Benito Corbal e Cobián Roffignac.
A edil Eva Vilaverde, responsable da área de mantemento de espazos públicos, explicou que os traballos en Loureiro Crespo suspenderanse durante todo o nadal para que as entradas aos comercios "queden libres".
Os operarios están "acelerando" as obras estes días para que a rúa quede nas mellores condicións posibles. O Concello asegura que todas as beirarrúas quedarán terminadas antes do 18 de decembro e estarán "limpas" de valados e de material.
Ademais, o goberno municipal confía en que o tramo entre o 12 de novembro e a Praza do Hospital quede "totalmente rematado" e se poida reabrir ao tráfico. Tamén se mellorará todo o pavimento e pecharanse os tallos de obra.
Con respecto á reforma prevista no cruzamento entre Daniel de la Sota, Benito Corbal e Cobián Roffignac, Eva Vilaverde sinalou que as condicións meteorolóxicas han impedido actuar na zona ata o de agora.
A estas alturas, engadiu, "non hai garantías" de que poida estar terminada antes de Nadal, polo que o Concello decidiu pospoñela ata xaneiro.
Ata ese 18 de decembro, o Concello intensificará os traballos de mantemento que leva realizando desde hai semanas e revisaranse os pavimentos das zonas máis comerciais para corrixir os danos que poida haber nelas.
A partir desa data, segundo aclarou Vilaverde, estes traballos de mantemento e reposición de pavimento e mobiliario urbano trasladaranse cara ás zonas máis residenciais da cidade ou os barrios periféricos.
Así, estas tarefas derivaranse, entre outras, ás rúas Rafael Areses e Celso Emilio Ferreiro -onde tampouco apenas haberá actividade lectiva- e ao barrio de Monte Porreiro, comezando por reformas previstas nas rúas Armórica e Grecia.
Relacionadas:
-
O mércores 27 comezan as obras para crear a praza circular entre Benito Corbal, Daniel de la Sota e Cobián Roffignac
Por Redacción |
-
Un xogo de pistas para resolver un crime dos anos 20 dinamizará a rúa Loureiro Crespo este Nadal
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Primeira capa de rodadura en Loureiro Crespo para deixar a rúa practicable para o Nadal
Por Redacción |
-
Pontevedra encenderá a iluminación de Nadal o próximo venres 4 de decembro
Por Alejandro Espiño |
-
#Eusonloureiro, a campaña para dinamizar o comercio de Loureiro Crespo, xa ten 42 socios
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
O entronque das rúas Peregrina e Daniel de la Sota será ambientado para captar clientes
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |