Proxectan máis de 300 novos espazos para a sepultura no cemiterio da Raña

Por Redacción
O goberno local de Marín anunciaba este luns a dotación de novos espazos ao cemiterio da Raña para as cinzas das incineracións, que cada vez se incrementan máis. Por este motivo, proxéctase a construción de 80 novos pequenos nichos nun novo columbario, ademais de oito novos panteóns para un total de 28 nichos cada un.
O proxecto supoñerá traballos de demolición, creación de novas estruturas, saneamento e cantería, coa construción tamén dun almacén integrado nun dos panteóns para os servizos de augas pluviais. O investimento previsto situarase preto dos 70.000 euros, segundo as fontes municipais.
Estas novas instalacións crearanse na parte nova do camposanto, xunto ao último columbario que se construía, unha obra que tamén verá reformada a súa cuberta. O goberno de María Ramallo traballa ademais noutra actuación para protexer da choiva tanto aos visitantes como a parte frontal de cada nicho onde se depositan as flores e cirios.
A superficie desta nova cuberta será de 18 metros cadrados, cunha altura máxima de 3,72 metros. O prazo estimado desta intervención de carácter secundario é dun mes e medio. O investimento previsto, neste caso, achégase aos 9.000 euros.