Deputación e Organización Mundial do Turismo colaboran para impulsar o sector na provincia
Por Redacción
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, mantivo este luns un encontro telemático coa directora de Innovación, Educación e Investimentos da Organización Mundial do Turismo, Natalia Bayona, co obxectivo de avanzar nun novo modelo de turismo intelixente e innovador para a provincia de Pontevedra.
A mandataria adiantou a posta en marcha dun calendario de accións como un programa de formación e a súa vontade de crear alianzas para que a institución provincial convértase en patrocinadora dun programa formativo neste ámbito. Neste sentido, Silva proponse a creación dun programa de bolsas para pontevedreses que poidan beneficiarse dos programas formativos da academia en liña da OMT.
Desde a Deputación están tamén dispostos a facer un esforzo para colaborar coa OMT na aceleradora de turismo a través da mellora dixital das empresas turísticas da provincia. “Cómpre estar moi ao día de todo o que vai xurdindo, porque este novo mundo transfórmase a un ritmo vertixinoso e as empresas precisan ter ferramentas para poder adaptarse”, asegurou a presidenta.
O novo Plan Estratéxico de Turismo 2021-2023 do ente provincial inclúe a creación de experiencias dixitais, a modernización da xestión do destino, a recollida de datos intelixentes, a participación na Rede de Destinos Turísticos Intelixentes de España ou proxectos como Tourism Inside.
A directora de Innovación, Educación e Investimentos da OMT, Natalia Bayona, mostrou a vontade de traballar “de xeito conxunto” coa Deputación de Pontevedra para “sacar adiante todo o que ten que ver coa formación e co desenvolvemento do ecosistema de innovación e emprendemento” na provincia.
Relacionadas:
-
A provincia aspira a ser o primeiro territorio intelixente certificado a través do Plan Estratéxico de Turismo
Por Redacción |
-
Apelan á colaboración público-privada para captar fondos europeos que potencien o atractivo turístico da provincia
Por Redacción |
-
O futuro do turismo nas Rías Baixas despois da crise, a debate no foro TurisTIC
Por Redacción |
-
O Plan Estratéxico de Turismo 2021-2023 quere converter ás Rías Baixas nun destino intelixente
Por Oskar Viéitez |