Portas aforrará un 70% coa mellora do alumeado público
Por Redacción
O Concello de Portas acaba de conseguir unha subvención do Ministerio de Transición Ecolóxica e o Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) de 163.607 euros e outra de 40.902 euros do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra que permitirán acometer o proxecto de renovación e mellora da eficiencia enerxética do seu alumeado público que acadará un investimento total de 204.509 euros sin custe para as arcas municipais.
Esta importante subvención lograda polo equipo de goberno, que dirixe o alcalde Ricardo Martínez Chantada, permitirá actuar en 425 dos 1.864 puntos de luz existentes no alumeado público exterior do concello substituíndo as actuais luminarias provistas de lámparas de vapor de sodio de alta presión e haloxenuro metálico por outras LED máis eficientes e actuando en 14 dos 98 cadros de mando existentes.
A intervención permitirá tamén substituir 14 deses cadros de mando existentes e á adaptación á normativa vixente para permitir, con esta actuación, diminuir a potencia de consumo de 59,96 kW a 22,65 kW cun aforro enerxético total estimado do 69,95%.
O Ministerio valorou á hora de conceder esta subvención ao Concello de Portas o feito de que se trata dun proxecto singular que favorece o paso a unha economía baixa en carbono no marco do Programa Operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020 polo que aprobou a subvención solicitada.
Esta actuación enmárcase tamén dentro do compromiso acadado dentro do Pacto das Alcaldías polo Clima e a Enerxía Sostibles (PACES) polo que o Concello de Portas se comprometeu desde o punto de vista medioambiental e ir planificando iniciativas sostibles no tempo para lograr unha redución do 40% do consumo enerxético e de emisións contaminantes para o ano 2030.