O Concello sacará á poxa catro cabalos capturados na parroquia de Salcedo
Por Redacción
A Concellaría de Sanidade animal, que xestiona Miguel Filgueira, sacará a subasta nas vindeiras semanas catro cabalos capturados nestes días polos veciños na parroquia de Salcedo, seguindo o Regulamento para a administración e réxime das reses mostrencas de 1905 que obriga aos concellos a facerse cargo deste tipo de animais abandonados.
A Concellaría tivo coñecemento, a través dos veciños, de que unha manada de cabalos estaba causando destrozos na parroquia de Salcedo. De común acordo con eles, decidiron capturalos e iniciar o proceso de subasta que comeza tratando de localizar aos posibles donos.
Segundo os técnicos municipais, son tres eugas e un poldro que baixaron da zona do Lago de Castiñeiras cara o lugar de Muimenta, en Salcedo, onde foron capturados. Até o de agora non foron reclamados por ningún particular, polo que o Concello, a vindeira semana, iniciará o proceso de poxa dos animais.
Está previsto a publicación dun bando para tratar de localizar ao dono. Estará publicado durante seis días nos lugares habituais e tamén en varios sitios da parroquia de Salcedo, dado que os animais foron localizados alí. De non atopar ao dono, convocarase no prazo estabrecido, un poxa nas oficinas de Medio Ambiente Natural, fixando un prezo de saída do lote. As persoas interesadas en participar deberán presentar unha fianza na Tesourería municipal (estes datos estarán fixados no bando).
De quedar deserta a poxa, o Concello fará entrega destes animais á Xunta de Galicia en virtude do artigo 28 do decreto 142/2012 sobre as normas de idenficación e ordenación zoosanitaria dos equinos en Galicia.
Segundo as noticias das que dispón a Concellaría, estes catro animais formaban parte dunha manada máis grande, polo que agardarán uns días en sacar a poxa por se baixasen máis cabalos á zona.