O transporte escolar, no punto de mira de Tráfico e as policías locais esta semana
Por Redacción
A partir deste luns 30 de novembro, e ata o vindeiro venres 4 de decembro, o transporte escolar estará no punto de mira da Dirección Xeral de Tráfico (DGT), que pon en marcha unha campaña especial de vixilancia e control á que se sumarán axentes da agrupación de Tráfico da Garda Civil e as policías locais.
Os gardas civís e policías comprobarán que os autobuses e os seus condutores cumpran coa normativa establecida, que inclúe, entre outras obrigacións, a necesidade de que os menores vaian acompañados por unha persoa debidamente cualificada nos desprazamentos.
Esta campaña ten unha especial transcendencia en Galicia debido á gran extensión de roteiros de transporte escolar, que no presente curso escolar prestan servizo a 86.957 escolares de 774 centros públicos.
Durante toda a semana intensificaranse os controis preventivos, especialmente en estradas convencionais e en vías urbanas co obxectivo de concienciar a pais, responsables educativos e condutores de autobuses da necesidade de cumprir as normas establecidas con respecto a este tipo de transporte.
Segundo informou a DGT, realizaranse controis de carácter administrativo sobre as autorizacións e documentos que deben ter devanditos vehículos para a correcta prestación do servizo e verificarase que as condicións técnicas e elementos de seguridade do vehículo son os que esixe a normativa.
Ademais, vixiarase o cumprimento dos requisitos especiais que debe cumprir o propio condutor, como son o permiso de condución e os tempos de descanso. Entre as condicións de seguridade que deben cumprir todos os transportes escolares, estipúlase a antigüidade máxima dos vehículos destinados a este tipo de pasaxeiros, o seguro de responsabilidade civil ilimitado ou a obrigatoriedade de levar o sinal de transporte escolar.