Cerdedo-Cotobade combate a fenda tecnolóxica cunha aula informática de última xeración
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade acaba de dar un paso para reducir a fenda tecnolóxica que afecta á poboación do rural. Creou en Cerdedo unha Aula de Novas Tecnoloxías e Multimedia que conta cun equipamento de última xeración.
A tenente de alcalde, Lourdes Ovelleiro, visitou a nova aula, que supuxo un investimento de preto de 15.000 euros, subvencionados en gran parte polo Programa de Desenvolvemento Rural 2014-2020 do que participan o GDR, Agader, Xunta e Ministerio de Agricultura.
O Concello dotou a esta aula de novas tecnoloxías e multimedia de 12 equipos informáticos Lenovo M7 SFF con monitor Philips de 21,5’’, unha pantalla dixital multifunción de 78’’, un proxector Epson 3LCD, unha pantalla de proxección de 200 x 200, 6 mesas con bandexa electrificada e 12 cadeiras con respaldo.
O alcalde, Jorge Cubela, explicou que estará destinada preferentemente a labores de alfabetización informática da poboación de todas as idades favorecendo, sobre todo que as persoas maiores poidan aprender o manexo imprescindible das novas tecnoloxías para poder pedir cita no médico, realizar calquera trámite administrativo de xeito telemático e optar ás autoestradas da información.
Engadiu que o Concello tamén busca que sexa unha ferramenta moi potente de formación para a xente máis nova, ampliando os seus horizontes formativos para que poidan ter maiores oportunidades no mundo dos estudios ou no mercado laboral.
Cubela defende a necesidade de implantar no rural servizos e sistemas de acceso ás novas tecnoloxías para evitar que se chegue a producir unha fenda tecnolóxica entre os residentes nas grandes cidades e os que optan por permanecer no rural.