'Un Rapá Transquilo', un concerto virtual de Éric Dopazo para retomar os Vermús de Pinto e Maragota
Por Redacción
A pandemia da covid-19 tamén cambiará este ano o formato do proxecto de Vermús de Pinto e Maragota, que xuntan diversión e inclusión. A próxima cita será o sábado 5 de decembro e, dadas as actuais restricións sanitarias que afectan á hostalería, terá un formato virtual.
A cita será o sábado ás 20.00 horas, cun faladoiro-concerto titulado 'Un Rapá Transquilo', a cargo do filólogo, músico e activista trans ourensán Éric Dopazo.
A concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, lembrou este sábado que Dopazo xa ten participado no programa municipal en encontros con alumnos de Secundaria e Bacharelato nos centros de ensino da cidade e nesta ocasión reflexionará, entre vermús e cancións, sobre cuestións como a linguaxe inclusiva e a lei trans.
A actividade poderá verse en directo a través da canle de Facebook de Pinto e Maragota e permitirá reflexionar sobre a realidade do colectivo trans, con cuestións como a lei en debate, a linguaxe inclusiva ou o seu actual proceso de transición, coa interpretación de distintos temas musicais de creación propia xunto con algunha 'cover'.
Éric Dopazo formou parte do dúo musical Canela Cafuné e actualmente compón e interpreta en solitario e participa en diversas colaboracións. Foi o creador da canción 'Universo Diverso', coñecida como o ‘himno’ de Arelas, Asociación de Familias de Menores Trans de Galicia. A súa canle de Youtube 'Un Rapá Transquilo' está de finalista do Premio Comunicación do certame #Youtubeiras2000.
Relacionadas:
-
Volven os premios Youtubeiras, que este ano confían en bater todos os récords de participación
Por Redacción |
-
Os Vermús de Pinto e Maragota pisan, de novo, o Campiño con Lucía Aldao e Andrea Nunes
Por Redacción |
-
O Campiño de Santa María acolle o recital poético de Lucía Aldao e Andrea Nunes dentro dos Vermús de Pinto e Maragota
Por Redacción |
-
Volven os divertidos vermús de Pinto e Maragota para celebrar o Día do Orgullo LGTBIQ+ 2020
Por Diego Torrado & Redacción |