Baixan os pacientes hospitalizados e os casos activos na área sanitaria, pero os novos contaxios non frean: 55 nun día
Por Natalia Puga
A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés non logra frear os contaxios de covid-19 a pesar de levar xa semanas de restricións e tres coa hostalería pechada. Este sábado, de novo, volveron a confirmarse máis de medio centenar de novos positivos, aínda que a nota positivo da xornada chega co descenso da presión asistencial nos hospitais.
Segundo o último balance oficial do Servizo Galego de Saúde, nas últimas 24 horas confirmáronse 55 novos positivos en probas PCR. Con todo, o total de pacientes coa infección activa descendeu, situándose en 1.167, 33 menos que o venres. Ese descenso débese a que na mesma xornada constatouse a curación doutros 88 pacientes.
En canto aos hospitais da área sanitaria, este sábado hai 56 pacientes ingresados, seis menos que os 62 do venres. Deles, seis están na unidade de Coidados Críticos do Hospital Montecelo, un menos que o venres, aínda que hai que ter en conta que na última xornada faleceu unha persoa en Montecelo. Trátase dunha muller de 72 anos que tiña patoloxías previas.
Ademais, hai 50 pacientes con covid-19 ingresados en planta de hospitalización, cinco menos que o venres. Trátase de 41 no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, 4 no Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez Pontevedra e 5 no Hospital do Salnés.
Os 1.111 pacientes diagnosticados con covid-19 restantes atópanse en illamento no seu domicilio.
Desde o inicio do plan de continxencia da covid-19 curáronse 4.132 pacientes e faleceron 52.
En canto a realización de PCR’ s, nas últimas 24 horas fixéronse 692, que elevan a un total de 88.639 as xa efectuadas desde o inicio da pandemia na área sanitaria.
A nivel autonómico, segundo o último balance oficial, hai en toda Galicia 8.211 pacientes coa infección activa tras confirmarse nas últimas 24 horas 355 novos casos en probas PCR.
Do total de casos activos, 384 son pacientes hospitalizados en planta e 85 en unidades de coidados intensivos. Ata o momento, curáronse 42.208 persoas en Galica e faleceron 1.191.
Os servizos médicos galegos realizaron desde o inicio da pandemia da covid-19 887.679 probas PCR e 421.852 probas serolóxicas.