O orzamento de Vilaboa incluirá medidas de apoio ao comercio e a hostalería local
Por Redacción
O Goberno local de Vilaboa traballa nun programa específico de apoio ao comercio local co obxectivo de promocionar e respaldar tanto ás tendas de proximidade como aos establecementos hostaleiros.
Este é o principal acordo acadado pola concelleira de Promoción Económica, Carmen Gallego, e o edil de Turismo, Brais Sánchez, nas diferentes reunións que nas últimas semanas mantiveron con 24 hostaleiros do municipio e ás que o alcalde, César Poza, non acudiu presencialmente por permanecer confinado ao resultar positivo por Covid-19.
A iniciativa, que terá o seu reflexo no orzamento de 2021, estará orientada inicialmente á hostalería cunha campaña de marketing on line que contribúa a un mellor posicionamento dos establecementos locais, favorecendo a súa localización por parte das persoas que se acheguen de fóra do municipio.
O Goberno local plantexa unha proposta global que vencelle a hostalería local coas casas rurais e as viviendas de uso turístico de Vilaboa favorecendo unhas sinerxias de apoio que permitan posicionar a localidade como destino turístico trala pandemia.
Das reunións que o goberno local mantivo cos hostaleiros xurdiu tamén unha canle de comunicación directa, que o Concello está a utilizar dende hai xa varios días para facerlles chegar información e documentación do seu interese, como as liñas de axuda dos gobernos central e autonómico.
A edil de Promoción Económica animou aos hostaleiros a crear unha asociación propia ou a integrarse nunha cun ámbito maior pero que permita ao sector ter un representante de Vilaboa que exerza como interlocutor do colectivo local.
O alcalde César Poza sinalou que foi a Xunta quen decretou o peche da hostalería "e polo tanto ten que ser esta administración a que habilite os mecanismos de axuda".
Por iso, o alcalde de Vilaboa suxire ao presidente da Xunta e líder do PP de Galicia, Alberto Núñez Feijóo que "evite mandar ao seu partido polos concellos pedindo bonificacións porque é algo ridículo".
Neste sentido o alcalde recorda que "o Concello de Vilaboa non recibiu nin un euro da Xunta para facer fronte ás consecuencias da pandemia" e, pola contra, incrementou considerablemente os gastos municipais.
Relacionadas:
-
Vilaboa pecha un orzamento de 3 millóns tras o acordo entre PSOE e PP
Por Redacción |
-
Vilaboa pecha o ano con 20.000 euros en subvencións a actividades culturais e deportivas
Por Redacción |
-
Os alumnos do colexio de Vilaboa recadan 625 euros e alimentos para as familias máis desfavorecidas
Por Redacción |