Condenado a 11 anos e catro meses de cárcere por agredir e violar á súa parella
Por Natalia Puga
A Audiencia Provincial de Pontevedra condena a 11 anos e catro meses de cárcere a un home xulgado en outubro por violar e agredir á súa compañeira sentimental. Unha noite discutiron e agrediuna en exterior dun bar e, ao chegar a casa, rompeulle o móbil. Ao día seguinte, agrediuna e violou.
A sentenza da Audiencia condénao por dous delitos de lesións no ámbito da violencia de xénero, un deles agravado ao perpetrarse no domicilio común; e por un delito de agresión sexual na súa modalidade de violación. No caso deste último delito, o tribunal atribúelle dúas circunstancias agravantes: reincidencia porque xa fora condenado en 2016 por outra agresión sexual e parentesco.
Polo primeiro delito de lesións imponlle seis meses de prisión, privación do dereito á tenencia e porte de armas por un ano e un día e a prohibición de aproximarse, nun radio de 500 metros, á vítima, ao seu domicilio, lugar de traballo ou calquera outro no que se atope, así como a de comunicarse con ela por calquera medio durante ano e seis meses.
Polo segundo delito de lesións, cometido no domicilio común da parella, imponlle a pena de dez meses de prisión, privación do dereito á tenencia e porte de armas por dous anos e seis meses e orde de afastamento nos mesmos termos que no delito anterior, pero durante un ano e dez meses.
En canto ao delito de agresión sexual, a pena é de dez anos de prisión e unha orde de afastamento nas mesmas condicións, pero durante once anos.
Ademais, impónselle a medida de liberdade vixiada por un período de seis anos e o pago á súa vítima dunha indemnización, en concepto de responsabilidade civil, de 245 euros polas lesións sufridas e 2.500 euros por dano moral que lle causou.
O tribunal da sección cuarta da Audiencia considera acreditado que en novembro de 2018, tras discutir co seu noivo no interior dun bar, a vítima saíu e introduciuse nun vehículo. Minutos despois, o acusado, segundo o relato de feitos probados, agarrouna do pelo e sacouna fóra do coche para, unha vez no exterior, rabuñarlle na cara, onde lle deixou marcas visibles.
Tras ese primeiro incidente, ambos se trasladaron ao domicilio que compartían e, unha vez alí, volveron discutir. Segundo recolle a sentenza, no transcurso desa discusión o home colleu o teléfono móbil de e tiroullo ao chan, rompéndoo.
Xa pola tarde, despois de durmir e sen saír do dormitorio, iniciaron unha nova discusión porque esta quería marcharse e abandonar o domicilio e, nun momento dado, agarrouna do pescozo e apertou á vez que lle dicía "voute matar e así terei motivos para ir a prisión".
Cando a soltou, despois de entrar a nai del no dormitorio, o procesado empuxou á súa parella e caeu ao chan de xeonllos. Instantes despois, díxolle a que quería manter relacións sexuais con ela ao que se negou. Nese momento, díxolle que "era a súa puta e que tiña que facer o que el quixese".
Acto seguido, empuxouna sobre a cama e para dificultar os seus movementos situouse sobre ela, colocoulle os brazos en cruz e atoulle as bonecas ao somier da cama cun fío fino, transparente, tipo sedela, mentres ela trataba de empuxarlle coas pernas e os pés para tentar liberarse del, sen conseguilo. Nesa posición, e a pesar da oposición de que seguía dicíndolle que non o fixese, violouna. Ao terminar, desatouna, impedíndolle saír da habitación ata o día seguinte, luns, para cear