A campaña solidaria 'Un xoguete, un sorriso' levará agasallos a un cento de nenos de Poio
Por Redacción
Preto de 100 nenos das familias con menos recursos do municipio de Poio non se quedarán sen agasallos neste Nadal grazas á campaña solidaria 'Un xoguete, un sorriso', que este venres pechou o prazo para realización de doazóns superando todas as expectativas.
A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Rosa Fernández, expresa o seu agradecemento á veciñanza pola súa implicación, que fará que "moitas crianzas poidan tamén gozar cos seus agasallos".
Libros, xogos de mesa, patíns, bicicletas ou carteiras escolares forman parte das doazóns realizadas non só por parte da veciñanza de Poio, senón tamén de residentes noutros municipios como Pontevedra
A partir de agora, procederase á súa limpeza e empaquetado, para seren repartidos durante o Nadal entre as familias que se atopan nunha situación de risco económico.
Fernández González calcula que "practicamente dobramos a cantidade acadada o ano pasado".
A concelleira de Benestar Social non só expresa o seu agradecemento ás persoas que realizaron estas doazóns, senón que fai fincapé no "impagable labor" desenvolvida por Silvia Ramírez, unha veciña de Samieira, integrante da Sociedade Cultural e Deportiva da parroquia que leva moitos anos impulsando diferentes iniciativas solidarias.