Unha chea de concursos en Campo Lameiro para apoiar o comercio local no Nadal
Por Redacción
O goberno local de Campo Lameiro vai centrar a actividade do Nadal en colaborar co comercio local. Para iso ideou unha serie de concursos dirixidos á cidadanía que estarán premiados con cheques regalo para consumir nestes establecementos antes do dez de xaneiro.
As concellerías de Festas, Cultura e Comercio colaboran no primeiro concurso de postais, de decoración - interior e exterior - de vivendas, así como de escaparates. No caso das postais convócase á poboación de menor de catorce anos para que mostren a súa creatividade enviándoas antes do seis de decembro a info@campolameiro.com co asunto 'Concurso de postais'. Engadirase nome, apelidos, dirección e teléfono dun titor.
A postal gañadora será a que o Concello utilice oficialmente como felicitación do Nadal e o gañador ou gañadora recibirá un maletín de debuxo.
Quen participe na convocatoria de decoración axustaranse a varias modalidades: 'Recuncho de Nadal' para un espazo interior dunha vivenda. Os participantes serán en todos os casos maiores de idade. Enviarán unha única fotografía ao anterior correo electrónico indicando a modalidade así como nome, apelidos, domicilio e teléfono, antes do 20 de decembro. sexan maiores de 18 anos.
Para a decoración exterior de vivendas establécese a modalidade 'Un Nadal para soñar' e os requisitos e procedemento é o mesmo que o anterior. Na modalidade de 'Decoración de escaparates' os participantes enviarán a correspondente fotografía coa decoración do escaparate e interior ao citado correo electrónico, con idénticos requisitos e prazos.
igualmente hai un concurso de 'Felicitación de Nadal en vídeo', neste caso non deben durar máis dun minuto e enviarase en formato horizontal; e outro de 'Felicitación de despedida de 2020 e entrada de Ano Novo' cos mesmos requisitos de duración e formato; pero neste caso o prazo de recepción terminará o 27 de decembro.
Cada concurso, salvo o destinado a menores, ten tres premios dotados con 100, 75 e 50 euros.