O Concello de Poio lamenta que a Xunta deixe fóra dos orzamentos as súas demandas históricas
Por Oskar Viéitez
O Goberno local de Poio (BNG, PSOE, Avante) amosa o seu malestar polos Orzamentos autonómicos que a Xunta de Galicia pretende aprobar de cara a 2021, unha partida na que "o noso concello e a nosa veciñanza queda totalmente esquecida".
Os dirixentes municipais sinalan que "o único investimento que o Executivo de Núñez Feijóo prevé realizar o vindeiro ano na vila son 20.000 euros", que se destinarán á reforma interior das instalacións da lonxa de Campelo e que desenvolverá Portos de Galicia.
"Non é de recibo que a Xunta de Galicia teña previsto limitarse a investir unha media de 1,17 euros por habitante no noso municipio", indica o equipo do alcalde Luciano Sobral.
O Goberno local lamenta que os Orzamentos non contemplan destinar ningunha contía a proxectos "de gran relevancia para a nosa veciñanza" e que son "demandas históricas", como o desenvolvemento do polígono de Fragamoreira, a construción dun centro de saúde, proxectos para a mellora da seguridade viaria en tramos da PO-308 como o de A Barca – A Porteliña, a construción da estrada do Vao ou as obras de rehabilitación dos peiraos de Covelo e Raxó.
"Consideramos estes Orzamentos unha burla para os veciños e veciñas e agardamos que a Xunta de Galicia recapacite, porque un concello como Poio, en constante crecemento, ten a recibir os investimentos que merece, sen ter en conta as cores políticas", afirman dende o goberno tripartito.
O Goberno local tamén insta ao grupo municipal do Partido Popular a que se pronuncie sobre esta situación e sinalan como "sorprendente" o "silencio" do PP de Poio ante esta "tomadura de pelo á veciñanza".
Relacionadas:
-
O PP defende o investimento da Xunta en Poio durante 2021, que sitúa en sete millóns de euros
Por Redacción |
-
O Partido Socialista presenta emendas aos orzamentos da Xunta "diante dos continuos incumprimentos con Poio"
Por Oskar Viéitez |
-
Adxudican as obras para estabilizar un terraplén na estrada PO-308 ao seu paso por Raxó
Por Redacción |
-
Carmela Silva di que os orzamentos da Xunta son "unha labazada na cara dos concellos"
Por Oskar Viéitez |
-
O BNG ve "profundamente decepcionantes" os orzamentos da Xunta para 2021
Por Alejandro Espiño |
-
O PP fala de orzamento "histórico" mentras que o PSOE reclama "máis compromiso" con Pontevedra
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |