25N | A loita contra a violencia de xénero tamén se libra na prisión
Por Natalia Puga
A violencia de xénero non entende de idades, de perfís nin de contexto, é algo estrutural que afecta a toda a sociedade. Por tanto, a loita contra erradicala tamén debe librarse de forma transversal. Un dos contextos nos que se lle está plantando cara é o centro penitenciario da Lama, que este 25 de novembro clausurou un programa específico de prevención.
O programa, bautizado Sermujer.es, é resultado dunha colaboración entre a Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias e o Instituto da Muller e para a Igualdade de Oportunidades que ten como obxectivo favorecer a eliminación da violencia de xénero e paliar as súas consecuencias, diminuíndo a vulnerabilidade das mulleres privadas de liberdade a sufrir situacións de violencia e/ou dependencia.
Trátase dun programa de prevención da violencia de xénero pensado de forma específica para as mulleres privadas de liberdade no que as internas traballan para axudar a evitar unha violencia que moitas veces está tan asentada na sociedade que ses difícil de detectar e, no caso daquelas que sufriron xa esa violencia na súa vida previa á entrada en prisión, para ter as habilidades suficientes para afrontala.
Un total de 15 internas do módulo de mulleres e do módulo mixto do centro penitenciario da Lama participaron neste programa, impartidop or dúas traballadoras e unha psicóloga do centro.
Socialización, detección dos estereotipos e roles de xénero, o mito do amor romántico ou os micromachismos foron algúns dos aspectos abordados no programa, que busca que as internas aprendan a detectar situacións de risco e saber como actuar.
Este mércores, coincidindo coa conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller e co fin do programa, as participantes compartiron co resto de internas do módulo feminino do centro todos os coñecementos adquiridos e, ao mesmo tempo, as súas propias experiencias.
Chárlaa coloquio, celebrada no módulo 10, tivo moi boa acollida por parte das internas da Lama, que se mostraron moi implicadas, preguntaron ás súas compañeiras polo apreso e, nalgúns casos, falaron da súa propia vivencia de malos tratos, pois resulta relativamente frecuente que as internas sexan vítimas de violencia de xénero.