25N | Vilaboa pagará o taxi ás mulleres que necesiten axuda pola violencia machista
Por Redacción
O goberno municipal de Vilaboa anunciou este 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, a posta en marcha dunha iniciativa para contribuír a que as vítimas da violencia machista reciban toda a axuda que precisen.
O Concello facilitará o transporte a todas as mulleres que acudan ao CIM que este municipio comparte con Soutomaior. Así o confirmou a edil de Igualdade, Carmen Gallego. Será a través do servizo de taxis, que as vítimas poderán utilizar de balde.
Xunto con este anuncio, Vilaboa acolleu unha concentración simbólica diante da casa consistorial e que estivo marcada pola limitación de aforo imposta pola covid-19.
Nela participaron membros da corporación, funcionarios municipais e veciños e veciñas.
Na súa intervención, Gallego pediu a implicación de toda a sociedade para combater esta lacra porque "só dende as institucións non será posible cambiar os estereotipos".
A este respecto, a responsable de Igualdade destacou que "hai que traballar para a igualdade", buscando un reparto igualitario do traballo nas tarefas domésticas e no coidado das persoas maiores e as crianzas e desmontando os prexuízos dos roles masculino e feminino.
As accións concretas que permitirán avanzar neste eido estarán recollidas no Plan de Igualdade que, segundo avanzou, contará con partida orzamentaria nas contas de 2021.
Relacionadas:
-
Reparten dez puntos de información en Vilaboa para divulgar os servizos do CIM
Por Redacción |
-
25N | Maica Larriba pide condenar actitudes, prácticas e condutas que consenten a violencia á muller
Por Redacción |
-
25N | Berro de liberdade en Pontevedra contra a dor da violencia machista
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O Concello de Vilaboa anima a reflexionar sobre a violencia machista o próximo 25 N
Por Redacción |