25N | Bueu concéntrase en silencio e apela á educación para "erradicar" a violencia machista
Por Redacción
Cunha concentración silenciosa conmemorou Bueu este 25 de novembro, Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra a Muller, no que a vila decidiu apelar á educación e á concienciación cidadá para "erradicar" a violencia machista e a desigualdade.
"Nin unha máis! Nin unha menos!", destacou a concelleira de Igualdade, Ana Isabel Otero, ao remate desta concentración organizada polo Concello de Bueu e na que estiveron presentes representantes de todos os grupos políticos da corporación.
A concelleira deu lectura á declaración institucional que xa fora aprobada polo pleno e na que se fai un chamamento á "unión e implicación" de toda a cidadanía contra esta lacra.
A este acto sumouse a estrea dun vídeo no que os membros da corporación municipal len diversos fragmentos de poemas, novelas e ensaios que reflexionan sobre o machismo e as violencias exercidas contra as mulleres, e que se pode ver na canle municipal de Youtube.
O alumnado do CPR Virxe Milagrosa tamén puxo o seu gran de area para conmemorar esta xornada coa presentación no Centro Social do Mar dos traballos realizados sobre os micromachismos, a través de formatos tan novidosos como os podcasts ou os vídeos curtos.
Ademais, colocaron carteis en diversos puntos e establecementos da vila nos que a cidadanía pode escanear un código QR e acceder á totalidade destes contidos.
Ana Isabel Otero destacou que é "importante" que se traballe na erradicación das violencias machistas durante os 365 días do ano e valorou moi positivamente o labor que dende os centros educativos realizan coa rapazada.
Relacionadas:
-
Concienciar os escolares contra a violencia machista, obxectivo de Bueu este 25N
Por Redacción |
-
25N | Berro de liberdade en Pontevedra contra a dor da violencia machista
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Bueu prepárase para un 25-N sen actos masivos e demanda máis recursos para a loita contra a violencia de xénero
Por Redacción |