Tres centros educativos pontevedreses conseguen catro premios en concursos da Xunta para estudantes
Por Redacción
O IES Montecelo e o CIFP Carlos Oroza de Pontevedra acaban de conseguir tres dos seis premios do concurso Eduemprende Idea 2020 que convoca a Xunta de Galicia para estimular o emprendemento a través de proxectos empresariais feitos por estudantes de FP, ensinos deportivos, de artes plásticas ou de deseño.
Nos ciclos de grao superior, o primeiro premio foi para o proxecto 'Fulmar' de Alba Meis Fernández e Tana Fuentes Padín, do IES Montecelo. En grao medio, o primeiro premio recaeu no proxecto 'Mimasa' de Sandra Rodríguez Barreiro, María Peón Lamas e Emilia Marín Sousa, do CIFP Carlos Oroza. E o terceiro premio corresponde ao proxecto 'Camiñando' de Andrea Abal Martínez, José Carlos Rodríguez Danoz e Julián Sevilla Piedras, do IES Montecelo.
Ademais dunhas dotacións económicas de 3.000, 2.000 e 1.000 euros para primeiro, segundo e terceiro premio respectivamente, a convocatoria tamén conleva a incorporación a un viveiro de empresas da Consellería de Cultura, Educación e Universidade e recibir asesoramento técnico do Igape para o desenvolvemento das iniciativas premiadas.
Lemas contra a violencia de xénero
Outro centro pontevedrés tamén foi gañador do concurso de lemas convocado pola Xunta con motivo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero. Neste caso na categoría dirixida a estudantes de 5º e 6º de Primaria e 1º e 2º de Bacharelato, os premiados foron os alumnos de 5º de Primaria do CEIP Campolongo co lema: 'Multiplica a igualdade, dividirás violencia'.
Os lemas gañadores poden ser utilizados pola Xunta en futuras conmemoracións do 25 N ou calquera outra acción de sensibilización contra a violencia de xénero. Ademais cada un dos alumnos recibirá un cheque de 150 euros para o seu consumo no comercio local.
Relacionadas:
-
Alumnado do Carlos Oroza fórmase sobre a produción e comercialización de licores de Galicia
Por Redacción |
-
Maica Larriba felicita os gañadores do concurso escolar contra a violencia machista
Por Redacción |
-
O CIFP Carlos Oroza e o IES Montecelo, premios Demo day de "Depoemprende na FP"
Por Redacción |
-
Estudantes do Sánchez Cantón impóñense na fase galega do certame CanSat da Axencia Estatal Europea
Por Redacción |
-
RADIO.- As receitas das avoas pasarán a ser materia curricular do CIFP Carlos Oroza
Por Marisa Ciordia |