Poio reservará para 2021 gran parte dos actos do décimo aniversario da Casa-Museo de Colón
Por Redacción
Cun acto breve e sinxelo polas restricións da covid-19 celebrou este luns o Concello de Poio o décimo aniversario da apertura da Casa-Museo de Colón en Portosanto.
No acto participaron, entre outros, o alcalde de Poio, Luciano Sobral; e o presidente de Asociación Galicia Histórica, Pedro Martín, que recibiu un recoñecemento ao labor que desenvolve na defensa da teoría da orixe poiense do descubridor de América.
Tamén se fixo un recoñecemento, a título póstumo, a outras personalidades vinculadas á teoría do Colón galego como Xosé Lois Vila Fariña, Frei Jerónimo e Manuel Modesto Doval.
O primeiro deles foi o autor da publicación Cristóbal Colón e Galicia, editada en 2009 e que recolle o labor de documentación que o autor desenvolveu a través da biblioteca do Mosteiro de Poio. Ademais, colaborou estreitamente con Alfonso Philippot na consolidación da teoría do Colón galego de Portosanto.
Pola súa banda, o pai Elicio-Jerónimo López foi unha das figuras máis importantes do Mosteiro de San Xoán ata o seu finamento a principios de 2018. O seu traballo como director da súa biblioteca foi chave na conservación e divulgación da historia de Poio.
Manuel Modesto Doval Montes foi un investigador mexicano con raíces galegas falecido en 2017 e autor do libro Cristóbal Colón. Señor feudal galego, publicado en 2013
O goberno municipal tiña previsto desenvolver unha ampla programación para conmemorar esta década da Casa-Museo, pero a maior parte das actividades aprazáronse ata o ano 2021.
Este é o caso, por exemplo, da conferencia prevista para a tarde deste luns, ás 19.30 horas, por parte dos arquitectos Enrique Barreiro Álvarez, responsable do proxecto a través do cal se deu vida ás instalacións, e Enrique Barreiro Blanco.
Tamén queda adiada ata novo aviso a mesa redonda Mulleres precursoras do Colón Galego. Pola contra, o que si se mantén é a charla de Luís Pose, prevista para o 18 de decembro ás 19.30 horas no Casal de Ferreirós, sempre e cando as medidas sanitarias así o permitan.
Relacionadas:
-
Unha subvención de 54.000 euros para poñer en valor a Casa Museo de Colón
Por Redacción |
-
As visitas volven á Casa Museo de Colón en grupos dun máximo de 15 por mor da pandemia
Por Redacción |
-
Un documental recolle novos achados que reforzan a tese da orixe galega de Colón
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Poio presenta o programa dos actos do décimo aniversario da Casa Museo de Colón
Por Redacción |
-
O Museo de Colón de Poio incorpórase á Rede de Espazos Museísticos Atlánticos
Por Redacción |