Pontevedra, Marín, Sanxenxo e Cambados, á cabeza dos contaxios na área sanitaria
Por Alejandro Espiño
Os municipios da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, polo menos os que aglutinan o maior número de casos activos por covid-19, seguen sen lograr controlar a incidencia da pandemia, segundo reflicte o balance diario do Servizo Galego de Saúde.
Pontevedra continúa á cabeza, algo evidente pola súa maior poboación, no número de contaxios e suma este luns 355 casos activos. Son seis máis que onte, segundo informou o goberno municipal. Só no últimos catorce días diagnosticáronse 290 novos casos.
En Marín e Sanxenxo, os dous municipios que seguen a Pontevedra nesta lista, non houbo cambios nas últimas 24 horas e nos dous hai os mesmos contaxiados que este domingo, 92 e 83 persoas respectivamente.
Crecen os contaxios, pola súa banda, en Cambados (79, dous máis) e Vilagarcía (70 (tres máis), mentres que Poio reduce en dous os seus casos activos e agora mesmo ten 61 contaxiados.
Os datos desagregados por concellos recollen tamén menos casos activos en Vilanova de Arousa e Soutomaior, con dous e catro menos respectivamente ata un total de 33 e 25.
No resto da área sanitaria, Sanidade só proporciona datos dos casos diagnosticados no últimos catorce días.
Mediante este indicador comprobamos que O Grove sumou 49 contaxiados aos seus casos activos nas últimas dúas semanas, Caldas rexistrou 34, Meis 29 e A Lama 24. Bueu con 19, Meaño e Cuntis con 15 cada un, Cerdedo-Cotobade con 13 e A Illa de Arousa con 10 son os seguintes.
Durante este período, en Ponte Caldelas, Barro, Campo Lameiro, Moraña e Portas os novos contaxios non superaron os nove.
Relacionadas:
-
Dúas novas mortes na residencia de Ribadumia elevan a 50 as vítimas mortais da covid-19 na área sanitaria
Por Natalia Puga |
-
62 pacientes permanecen ingresados por covid-19 nos hospitais de Pontevedra e O Salnés
Por Redacción |
-
Nove persoas falecidas en Galicia nas últimas 24 horas por covid-19, unha delas no Hospital Montecelo
Por Redacción |