Protesta en Meaño para pedir a reposición do servizo de pediatría e que se cubra a praza do médico de familia nos centros de saúde
Por Redacción
O alcalde de Meaño Carlos Viéitez encabezou a concentración que este sábado se desenvolvía no municipio para esixir á Consellería de Sanidade a dotación de máis persoal aos dous centros de saúde.
Viéitez leu un comunicado no que lembraba á Xunta que os escolares do rural teñen dereito a asistencia médica e toda a cidadanía destas poboacións tamén teñen dereito a contar cun pediatra xusto agora cando máis se aconsella evitar os desprazamentos a outras localidades. Denunciou que en plena pandemia os residentes en Meaño teñen que trasladarse a Sanxenxo ou a Pontevedra para acudir a unha consulta de pediatría, ao eliminarse a praza de pediatra no Centro de Saúde de Dena.
Lamentou que na reunión mantida con José Ramón Gómez, xerente da área sanitaria de Pontevedra - O Salnés, os representantes do Concello comprobasen que o SERGAS rompía o compromiso de repoñer en outubro a atención de pediatría, que este municipio comparte con Meis. Ante esta situación, demandan un especialista en pediatría na consulta do Centro de Saúde de Dena de maneira inmediata.
Ademais, sinalan que, tras a xubilación dun médico de familia no Centro de Saúde de Meaño, polo momento non se cubriu a súa praza cun substituto. Carlos Viéitez afirmou que o cadro de persoal dos dous centros de saúde deste municipio xa é "precario" para atender a toda a poboación. Desta forma, esixen á Consellería de Sanidade a reposición do médico de familia no Centro de Saúde de Meaño.
Relacionadas:
-
Os centros de saúde de Dena e Mosteiro recuperan o luns a atención pediátrica
Por Redacción |
-
Meaño recupera a cobertura sanitaria con tres médicos nos seus dous centros de saúde
Por Redacción |
-
O centro de saúde de Dena conservará o seu pediatra
Por Redacción |
-
Meaño convoca concentración para reclamar a reposición dun pediatra
Por Redacción |