Ribadumia aumenta as horas de atención a dependentes e elimina as listas de espera
Por Redacción
O Concello de Ribadumia ven de ampliar as horas de atención a persoas dependentes e logra, deste xeito, eliminar as listas de espera no municipio. Ás 437 horas de atención que se prestaban a través dos servizos de dependencia, sumáronse 345 horas mensuais máis, unha ampliación que permite atender a todas as persoas dependentes de Ribadumia e, incluso, reforzar a atención noutros casos.
Segundo informou o Concello, ademais, ao programa de dependencia hai que engadir o programa municipal de axuda no fogar, que destina 90 horas mensuais a atender as necesidades dos seus usuarios. A alcaldesa de Ribadumia, Salomé Peña, destaca que é unha moi boa noticia para os nosos maiores dependentes e para as súas familias. Desde o Concello de Ribadumia, neste caso en colaboración coa Xunta, seguimos priorizando a atención ao cidadán e a aqueles colectivos que precisan do noso apoio.
O servizo de axuda no fogar atende a 19 persoas. Quince deles son usuarios de dependencia, mentres que o resto pertencen ao servizo municipal. Para os usuarios de dependencia destínanse agora 782 horas ao mes, mentres que para o servizo municipal as horas de atención mensual son 90.
Os usuarios son persoas que teñen limitada a súa autonomía e precisan da axuda das auxiliares á hora de realizar labores básicas na súa vida diaria. O servizo de Ribadumia ofrece aos usuarios unha atención integral no seu domicilio: atención de carácter persoal; acompañamento fóra do fogar; limpeza e mantemento da hixiene; compra de alimentos; lavandería; e atención de carácter psicosocial e educativa.
Ademais, o traspaso de usuarios do servizo municipal ao servizo de dependencia, grazas ao aumento das horas de atención neste último, tamén permitirá mellorar a prestación e ampliar as horas de atención que se destinan aos usuarios do programa municipal. Estamos plenamente satisfeitos, porque todas as persoas dependentes de Ribadumia, valoradas tanto pola Xunta como polo propio concello, están sendo atendidas por profesionais nos seus fogares, valora Salomé Peña.