A revisión de itinerarios peonís continúa polas rúas Germán Adrio, Fernando II e Pintor Rafael Alonso
Por Redacción
O Concello de Pontevedra continúa coa exhaustiva revisión das beirarrúas e plataformas de convivencia peonil da cidade, co obxecto de subsanar todos os desperfectos ocasionados polo seu uso continuado, pola climatoloxía ou por outros factores.
No marco do Plan de supervisión de itinerarios peonís, a área de Sostemento de Espazos Públicos Urbanos xestionada pola concelleira Eva Vilaverde, está a realizar obras de revisión e arranxo do pavimento nas beirarrúas da cidade.
Tras rematar esta semana na avenida Maria Victoria Moreno e da rúa Manuel del Palacio, cuxos itinerarios foron revisados por completo por ambas marxes, a brigada municipal continuará coa revisión da rúa Germán Adrio, á que lle segurirán Fernando II e Pintor Rafael Alonso.
Paralelamente, outra equipa de mantemento, pertencente neste caso á empresa adxudicataria Covsa, vén de rematar a revisión e arranxo do pavimento das beirarrúas do primeiro tramo da avenida de Lugo. A vindeira semana continuarán polas rúas Serra e Cruz Vermella, onde tamén arranxarán alcorques.
Tras esta actuación está previsto que pasen á rúa Castelao e que realicen unha nova revisión do centro histórico e das rúas da zona centro para unha posta a punto de cara ao Nadal. Convén lembrar que estas actuacións supoñen a identificación e reparación de pavimento deteriorado, afundido, roto, ou susceptible de ocasionar algún tipo de risco por outros motivos.
As actuacións enmarcadas no Plan de supervisión de itinerarios peonís comezaron a realizarse no mes de abril, coa posta en funcionamento do contrato de mantemento de espazos públicos urbanos, a través dun equipo específico para estas tarefas da empresa adxudicataria Covsa, que se reforza cunha brigada municipal de tres persoas dedicadas a esta tarefa a tempo completo.