Deteñen un antigo empregado e unha amiga por dous roubos na nave dunha empresa de Caldas
Por Redacción
A Garda Civil detivo dous veciños de Barro e O Porriño como supostos autores de dous roubos rexistrados nunha nave situada nun polígono industrial de Caldas de Reis. Un deles, un home, era un antigo empregado da empresa propietaria das instalacións, e a outra, unha muller, unha amiga súa.
A investigación realizárona axentes do equipo de investigación da Garda Civil de Vilagarcía de Arousa, coa colaboración de efectivos do posto do instituto armado en Caldas de Reis e da Policía Local da localidade.
As pescudas empezaron en setembro, por mor dunha denuncia interposta polo propietario da empresa porque lle roubaban varios efectos e material no interior da nave.
Os axentes pescudaron que unha persoa cunha relación de amizade cun empregado da empresa tentara vender unha batería que podería figurar entre os obxectos subtraídos.
Mentres estaban en plena investigación, no mes de outubro, produciuse un segundo roubo nas instalacións e a Garda Civil xa logrou identificaron aos presuntos autores.
O antigo empregado, de 31 anos, é veciño de Barro e a súa amiga, de 27, do Porriño. Ambos foron detidos como presuntos autores dos dous roubos e quedaron en liberdade en sede policial. Agora deberán comparecer cando sexan citados no Xulgado de Garda de Caldas de Reis.