Louzán e Luisa Piñeiro sentan no banco dos acusados confiados en que "quedará en nada" e insisten en que non houbo prexuízo para as arcas públicas
O ex presidente da Deputación de Pontevedra e actual presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, e a ex alcaldesa de Moraña e actual delegada da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luisa Piñeiro, sentan este venres no banco dos acusados tranquilos a pesar de enfrontarse a peticións de prisión e inhabilitación.
Louzán está acusado dos delitos de prevaricación e fraude e Piñeiro de cooperadora necesaria da prevaricación e fraude. Ambos chegaron aos xulgados da Parda, onde se celebra o xuízo, acompañados polos seus respectivos avogados e atenderon aos medios de comunicación que lles esperaban, nun xuízo que xerou gran interese mediático polos cargos que ocuparon ambos os políticos do PP.
O ex presidente provincial foi o primeiro en chegar ao edificio xudicial, ás 9 da mañá -o xuízo fixouse para as 9.30- acompañado polo seu avogado, e asegurou estar "con absoluta confianza e con tranquilidade" en que ou proceso xudicial "quedará en nada", á vez que lembrou que " non hai ningún perxuízo para a administración, que é importante cando se trata de responsabilidades públicas" e que sería o que a el lle preocuparía.
Louzán quixo entrar ao edificio xudicial en canto chegou, pero tivo que esperar no exterior ata 5 minutos antes do inicio do xuízo polas restricións da covid-19. Ao chegar, lembrou que este xuízo é resultado da macro operación Patos, na que chegou a haber máis de 60 persoas investigadas e máis de 50 xa están fóra deste proceso e insistiu en que "estamos falando unicamente dun procedemento administrativo". Considera que se trata dunha cuestión "puramente técnica" que non lles compete nin a el nin á alcaldesa e que o proceso se fixo "co procedemento legal" para facelo.
O ex político lembrou aos medios de comunicación que é a primeira vez que está nun xuízo, "aínda que poida parecer que puiden ter estado nalgún máis", tras o arquivo das causas anteriores abertas contra el e que esta é unha causa que leva sete ou oito anos e "acabará en nada". Insistiu en que na súa etapa política manexou presupostos de volume moi grande e "en ningún momento houbo nada".
Entrando en detalles do proceso xudicial, explicou que todo nace dunhas fotografías do campo que o fiscal di que se podía sobreentender que algunhas obras antes da inauguración xa estaban feitas, pero matizou que unha cousa é que estean feitas e outra cousa é que estarían sen pagar. Engadiu que se quixese cometer algunha irregularidade non tería chamado á prensa a esa visita ás obras, onde se fixeron as fotos. "Todo foi con luz e taquígrafos", insiste.
Pouco máis tarde, sobre as 9.15 horas, chegou Luisa Piñeiro, acompañada pola súa avogada, e reiterou que afronta o xuízo con "moita tranquilidade". Considera que, chegados a este punto do proceso xudicial, "o que tiña que decir xa o dixen en declaracións anteriores" e asegurou que chega aos xulgados "confiando na xustiza porque isto ten que saír bien".
Piñeiro asegurou que confía en que todo quede en nada e explicou que en Moraña houbo unha obra dun campo de fútbol e logo melloras e que todo o que está proyecado e pago está feito, de modo que o fiscal "terá que demostrar a tese que mantén" como eles demostrarán que "todo o que está feito esta pagado e está alí para ver, cunhas melloras a maiores e nada máis"..
Este venres sentan no banco dos acusados do Xulgado do Penal número 3 de Pontevedra 8 persoas na que é unha das pezas separadas da denominada operación Patos. Ademais de Louzán e Piñeiro, están acusados o responsable da empresa Eiriña, Enrique Alonso Pais; a súa man dereita, Jaime Alvariñas; o entón director de infraestruturas da Deputación, Manuel González Juanatey; dous empresarios de Pontevedra e O Salnés, D.G.F. e M.R.O; e, un arquitecto, D.A.L.O.
O fiscal pide que Louzán, González Juanatey e Piñeiro sexan condenados a tres anos de prisión e nove anos de inhabilitación especial para emprego ou cargo público relacionado con calquera cargo nas administracións públicas.
Para tres empresarios acusados piden tres anos de prisión e catro de inhabilitación para obter subvencións e axudas públicas para contratar con entes, organismo ou entidades que forman parte do sector público e para gozar de beneficios ou incentivos fiscais e da Seguridade Social. Para os dous acusados restantes pide dous anos de prisión e tres de inhabilitación en relación coas axudas públicas e beneficios fiscais.
A Fiscalía de Delitos Económicos de Pontevedra acúsalles pola súa actuación nun proxecto modificado das obras iniciais do campo de fútbol de Moraña. A Deputación volveu sacar a concurso ese modificado coas melloras e resultou adxudicado á mesma empresa, Eiriña, a pesar de presentarse outras dúas máis, de modo que a hipótese que sosteñen os investigadores é que se amañou o concurso público para atribuírllo á mesma empresa e pagar como un proxecto separado unha actuación que, en realidade, xa se realizou durante o primeiro proxecto.
Segundo sostén o fiscal, a empresa realizara obras non contratadas e fóra do proxecto aprobado fundamentalmente a pedimento do Concello de Moraña e reclamou para que lle fosen abonadas, estimando que se lle debía unha cantidade próxima aos 86.000euros. Como se trataba dunha obra executada con subvención, a lexislación impedía pasar o importe subvencionado, motivo polo que non se lle podía abonar.
Segundo o fiscal, "ideouse un sistema artificioso, en fraude de lei, tendente a abonar á empresa Eiriña o importe que reclamaba sobre o orzamento aprobado". Co acordo do presidente da Deputación, o director de infraestruturas, dous representantes da empresa, a alcaldesa e un arquitecto, "elabórase e executa o plan" que agora chega a xuízo. A alcaldesa solicitou unha nova subvención á Deputación para melloras en vestiario e bancadas acompañada dun proxecto técnico do arquitecto acusado no que se facía referencia á execución de obras que, polo menos parcialmente, xa foran realizadas.
Finalmente, a Deputación concedeu ao Concello 86.829,84 euros con cargo á partida de libre disposición do presidente. Acordouse convidar a outras dúas empresas a presentar ofertas para a obra aínda que o fiscal sostén que a invitación "era mera aparencia, sen propósito serio de valorar as súas proposicións". Os seus responsables tamén están acusado porque se actuou "co consentimento dos administradores das mesmas" e só coa finalidade de que en todo caso a obra fose adxudicada a Eiriña.
Relacionadas:
-
Recorren ante a Audiencia Provincial a condena de Rafael Louzán e Luisa Piñeiro por prevaricación e fraude
Por Natalia Puga |
-
Luisa Piñeiro dimite como delegada da Xunta: "Non quero prexudicar á institución que represento"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O BNG pide responsabilidades a Feijóo e o PSOE esixe o cese fulminante da delegada da Xunta tras a condena
Por Anxo Lourido |
-
Rafael Louzán e Luisa Piñeiro, condenados a dous anos de prisión e oito de inhabilitación por prevaricación e fraude
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
Negan que haxa fraude e prevaricación no caso que senta a Louzán e Luisa Piñeiro ante a xustiza
Por Alejandro Espiño |
-
Rafael Louzán e Luisa Piñeiro, a xuízo o venres por prevaricación e fraude polas obras do campo de fútbol de Moraña
Por Natalia Puga |
-
Begoña Estévez, exculpada da operación Patos, na que seguen investigados Louzán e Luisa Piñeiro
Por Natalia Puga |
-
A alcaldesa de Moraña comparece como investigada nunha peza da operación Patos
Por Natalia Puga & Mónica Patxot | Creada e actualizada