Unha muller de 96 anos eleva a 45 o número de vítimas mortais da covid-19 na área sanitaria de Pontevedra - O Salnés
Por Redacción
Continúa o goteo de vítimas mortais na área sanitaria de Pontevedra - O Salnés diagnosticadas por coronavirus. Segundo a información facilitada pola Consellería de Sanidade, durante este xoves 19 falecía no Hospital Montecelo unha muller de 96 anos de idade que se atopaba ingresada como consecuencia da enfermidade covid-19.
Este mércores 18 tamén falecera unha muller de 83 no Hospital do Salnés, pertencente á mesma área sanitaria. Con este último deceso, a cifra de vítimas mortais nos hospitais da zona debido ao virus ascende a 45 persoas desde o inicio da pandemia.
Durante esta xornada faleceron outras 11 persoas en Galicia debido a esta enfermidade. Catro homes, de 67, 75, 85 e 86 anos, no Complexo Hospitalario de Ourense; outros dous homes, de 76 e 86 anos, no Complexo Hospitalario de Santiago; un home de 88 anos no Hospital Virxe da Xunqueira de Cee; outro home de 86 anos no Complexo Hospitalario de Ferrol.
Na área de Vigo rexistrábanse tres mortes: unha muller de 91 anos, que perdía a vida no Hospital Álvaro Cunqueiro; e un home de 83 anos e unha muller de 92 anos, que se atopaban na Residencia Ballesol de Vigo.
Segundo a información facilitada polo Servizo Galego de Saúde, todas as vítimas contaban cun historial no que figuraban enfermidades previas. Coas 12 perdas sufridas nas últimas 24 horas, o número de falecidos en Galicia desde o inicio da pandemia ascende a 1.119 persoas.
Relacionadas:
-
O falecemento de dous homes por covid-19 sitúa en 47 o número de vítimas mortais na área sanitaria
Por Redacción |
-
Os contaxios non dan tregua á área sanitaria: 83 novos positivos e seis hospitalizados máis nun día
Por Natalia Puga |
-
Dúas concentracións de representantes sindicais sanitarios cun obxectivo: a marcha da xerencia do Complexo Hospitalario
Por Redacción |
-
Sesenta e sete novos contaxios na área sanitaria tras un día con case mil probas PCR
Por Alejandro Espiño |
-
Unha muller de 83 anos, nova vítima pola covid-19 no Hospital do Salnés procedente da residencia DomusVi-Ribadumia
Por Redacción |