'Faino visible', o alumnado do IES de Poio alerta sobre as violencias machistas
Por Redacción
O alumnado de Literatura Universal do primeiro curso de Bacharelato do IES de Poio presentaba este xoves unha acción na que se mostran as violencias machistas que sofren as mulleres ao longo da súa vida. Estes estudantes a través da utilización de frases nas que se cuestiona a forma de vivir, de vestir ou de comportarse das mulleres mostran fórmulas que se utilizan para menosprezar as mulleres.
Trátase dunha proposta escénica na que se utilizan diálogos que visibilizan os celos da parella ou a forma na que a sociedade machista analiza a forma de vestir das mozas. A acción finaliza con berros en defensa da muller e do feminismo. A intención desta performance é visibilizar as violencias machistas e recomendar ás mulleres que sofren malos tratos que non o permitan nin o escondan.
Durante este trimestre, esta acción colectiva preséntase ante cursos de primeiro e terceiro de ESO, que traballan esta temática de maneira colaborativa nas titorías dentro das actividades que se desenvolven no centro para promover a igualdade de xénero.
Tamén se levan a cabo charlas e talleres en colaboración coa concellería de Igualdade de Poio, dentro da programación prevista con motivo do 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia Machista.
Á acción deste xoves asistían tamén a concelleira de Igualdade Silvia Díaz; a concelleira de Educación Raquel Rodríguez; e a directora do CIM Raquel Morais. Durante esta xornada, o Concello de Poio tamén repartiu máscaras co lema da campaña 'Espazo Libre de Violencia Machista' entre as mulleres participantes do curso Navegar Xuntas non Mundo Dixital.
Relacionadas:
-
25N | Poio esixe que a covid-19 non sexa unha "escusa" para retroceder no compromiso contra a violencia machista
Por Redacción |
-
O Grove e Sanxenxo, en negro contra as violencias machistas
Por Oskar Viéitez |
-
Ponte Caldelas, Campo Lameiro e Caldas de Reis conciencian contra a violencia de xénero
Por Oskar Viéitez |
-
Mes reivindicativo en Poio polo 25-N coa reactivación da campaña 'En Negro contra as Violencias'
Por Redacción |
-
A Deputación financiará 26 entidades sociais para fomentar a igualdade e a loita contra a violencia machista
Por Redacción |