Denunciado un veciño de Poio por unha vertedura de pintura que afectou á estación de bombeo
Por Oskar Viéitez
A Policía Local de Poio denunciou a un veciño da parroquia de San Xoán, como presunto responsable dun vertido de pinturas que afectou a unha estación de bombeo situada no lugar do Muíño.
Segúndo informa o Concello de Poio, os feitos tiveron lugar durante a tarde do luns 16 de novembro cando técnicos da empresa Viaqua alertaron ao corpo de seguridade da detección dun líquido espeso de cor branca e un forte cheiro a disolvente.
O traballo desenvolto polos técnicos permitiu seguir este rastro polas arquetas da zona, ata dar co emprazamento no que se orixinou o vertido, que comezou na vivenda da persoa denunciada.
A Policía Local explica que o presunto autor desta infracción estaba levando a cabo traballos de pintado con pintura plástica. O feito de deixar restos de produtos químicos na rede de saneamento público fai que agora este cidadán se expoña a unha forte sanción económica, que pode ir desde os 1.500 ao 5.000 euros.
A Policía Local advirte de que identificar aos responsables doutros vertidos, como os que se realizan en zonas apartadas do rural, resulta máis complicado, polo que se fai un chamamento á cidadanía para que, en caso de que sexan testemuñas dun acto deste tipo, se poñan en contacto coas dependencias policiais.
O xefe da Policía, Antonio Duarte, indica que "o máis habitual é conseguir a identificación grazas ás pistas que atopamos nos restos dos vertidos (sobre todo cando son realizados por algunha empresa) ou pola información achegada pola veciñanza".
O Concello de Poio lembra que existe un servizo de recollida de voluminosos a domicilio, totalmente gratuíto. "É responsabilidade de todos e de todas preservar o medio natural evitando este tipo de prácticas, que resultan moi daniñas para a contorna", explica o Goberno local.