Investigan un ladrón que furtaba roupa por encargo: os 'clientes' pedían modelo e talla e el ía á tenda
Por Natalia Puga
A Policía Local de Pontevedra mantén a condición de investigado a un home de 57 anos do que se puido acreditar que furtaba prendas de roupa por encargo en diversas tendas de Pontevedra e doutras localidades galegas. Os seus 'clientes' pedíanlle o modelo e a talla da prenda que querían e el acudía á tenda en cuestión e facíase con ela de xeito ilegal
Os policías identificárono o pasado 5 de novembro nas inmediacións da rúa Pai Gaite de Pontevedra. O home é xa un vello coñecido da Policía Local por outras intervencións relacionadas con furto de pezas de roupa de varios establecementos de Pontevedra e ese día observárono en actitude sospeitosa.
Segundo informou a Policía Local, observaron que levaba unha bolsa de gran tamaño e que estaba moi nervioso e miraba continuamente a ambos os lados da rúa, comprobando se era obxecto de seguimento. Facía comprobacións de forma moi esaxerada, de maneira que os axentes decidiron darlle o alto, identificalo e comprobar que pezas levaba na bolsa.
Os axentes comprobaron que na bolsa tiña unha chaqueta de pel marrón coa etiqueta de Zara valorada en 69,95 euros e un xersei de cor azul de Springfield tamén con etiqueta e un prezo de 12,99 euros. Os policías pedíronlle o ticket de compra e recoñeceu que non as pagara, senón que collera as prendas nas tendas tras quitarlle as alarmas.
No momento no que os axentes o estaban a identificar, intentou tirar ao chan unha ganzúa, ferramenta habitualmente utilizada para desalarmar prendas. Levaba enriba 820 euros en efectivo, unha folla de notas a modo de 'lista da compra' co nome, a idade e as tallas dos seus clientes e papel aluminio dobrado en varias capas.
A Policía Local mantén que este home furtaba en diversos establecementos de Pontevedra e desprazábase a diversas cidades de Galicia, especialmente a centros comerciais. Sempre collía pezas de roupa que previamente lle encargaban e actuaba de xeito diferente en función do establecemento no que debía coller a prenda.
Na maioría das ocasións, e co fin de eludir o control policial, os produtos furtados gardábaos en distintos lugares como contedores, matogueiras ou armarios de consigna de supermercados. Posteriormente, recollíaos para a súa distribución.
Os policías teñen constancia de que xa actuara desta maneira en polo menos dúas ocasións máis. En 2018 xa o sorprenderan cunha nota escrita á man similar á que levaba nesta ocasión, con nomes, prendas e tallas.