Os populares reclaman á Deputación máis gasto social, axudas para autónomos e o aumento do Plan Concellos
Por Oskar Viéitez
O grupo provincial do Partido Popular presenta para o seu debate no pleno extraordinario deste venres, unha emenda á totalidade do orzamento da Deputación de Pontevedra para o ano 2021.
O PP reclama que o orzamento provincial teña máis gasto social, axudas para autónomos e pemes, o aumento do Plan Concellos e un plan de melloras nas estradas provinciais, entre outras.
O voceiro do PP, Jorge Cubela, sinala que "ante unha situación excepcional, a provincia precisa dunhas contas excepcionais para afrontar os novos retos xerados pola covid, e a proposta do goberno é totalmente continuísta".
Por iso, os populares propoñen, en primeiro lugar, ampliar a aportación ao Plan Concellos en 7 millóns de euros. Ademais, reclaman máis gasto social, e que se cree un plan de axuda específico de 3 millóns de euros para reforzar os gastos dos servizos sociais comunitarios dos concellos que se están vendo incrementados pola crise.
As emendas do PP tamén inclúen un plan de 10 millóns de euros para axudar aos autónomos e pemes nos concellos de menos de 50 mil habitantes. Outro dos plans, con 5 millóns de euros, destinaríase para mellorar a rede provincial de estradas e por último, piden maior apoio para os clubs de elite que participan en competicións europeas, cun aumento das axudas que se lles destinan en 15.000 euros por club.
Cubela incide en que "é cuestión de vontade política que a Deputación acepte estas emendas, porque ten capacidade para asumir todos estes gastos e máis".