Precintan en Vilagarcía un local clandestino de xogo e bebida aberto para saltar o toque de queda
Por Redacción
O que as autoridades pensaban que podía ser un roubo acabou sendo algo ben diferente. A Policía Local de Vilagarcía, que acudira a un baixo comercial crendo que estaban a roubar nel, atopouse cun local clandestino destinado ao xogo e á bebida.
O operativo desenvolveuse na medianoite do pasado sábado, segundo informa o goberno municipal de Vilagarcía. Tres persoas estaban reunidas á entrada deste local, situado na avenida Agustín Romero, que tiña a verxa a medio baixar.
Os axentes creron que eran ladróns, pero ao achegarse -e ver que estas persoas trataban de fuxir ocultándose dentro- comprobaron que no baixo se realizaban festas ilegais, se vendía e consumían bebidas alcohólicas e se celebraban timbas de póker. Todo iso para saltar o toque de queda e incumprir as normas decretadas pola covid-19.
Dentro do local atopáronse cinco persoas, unha das cales dixo ser o arrendatario do baixo e que o utilizaba para reunirse con amigos. Xa de partida, a Policía instruíu as sancións por incumprir a restrición horaria e a prohibición de reunións de persoas non conviventes.
As dependencias, que por fóra tiñan un cartel de "montaxes eléctricos", contaban con sofás, barra de bar, neveira, estantes cheos de bebidas alcohólicas e tabaco, mesa e fichas de póker, máquina comecartos e ata cámaras de vixilancia interior.
Ademais, no local había cartas de prezos impresas e tamén códigos QR pegados nas paredes para acceder aos prezos das bebidas, o que apunta cara unha actividade comercial que, claramente, carecía de permiso.
A Policía Local tamén interveu no rexistro unha bolsa de plástico que atoparon tirada no chan e que, aparentemente, contiña marihuana.
Tras identificar e informar aos individuos e que se lles ía denunciar por incumprimento da normativa sanitaria, os axentes ordenaron desaloxar o local no que só quedou o responsable.
Pouco tempo despois, foi a Garda Civil Fiscal a que acudiu ao local para inspeccionalo, atopándose de novo no interior a tres persoas reunidas -o responsable e outros dous mozos-, que foron denunciados pola dotación e pola actividade clandestina.
O Concello de Vilagarcía, ante estes feitos, ordenou o peche e precinto do establecemento.